O Igadi publica as colaboracións sobre Pérez-Barreiro no quinto cabodano do intelectual ferrolán

O Igadi publica as colaboracións sobre Pérez-Barreiro no quinto cabodano do intelectual ferrolán
Diario de Ferrol-2015-02-14-023-8413900a

Baixo a coordinación e edición de Xulio Ríos, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), Edicións do Cumio vén de publicar o libro “O perdurable legado de Fernando Pérez-Barreiro Nolla”, unha compilación de artigos e impresións sobre o célebre ensaísta e galeguista ferrolán, a un lustro do seu pasamento acaecido en Lancaster (Inglaterra) o 4 de xaneiro de 2010.
Entre os diversos textos, este libro reúne as palabras pronunciadas durante a primeira homenaxe á súa figura realizada en Baiona (Pontevedra) o 7 de xaneiro de 2011, entre os que destacan a súa propia dona, Teresa Barro, e escritores, amigos e familiares de Fernando Pérez-Barreiro Nolla, tales como Xosé Luís Franco Grande, Fracisco Silva Castaño, Nicolás Vidal, Franciso X. Fernández Naval e Xulio Ríos.
Asemade, o libro reproduce as análises e comentarios que sobre a súa traxectoria realizaron por iniciativa propia autores como Luís Álvarez Pousa, Craig Patterson, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Pereiro, Xosé Luís Rodríguez Pardo, Eduardo Punset, Vera Ríos e Emilio Xosé Insúa, entre otros, e que foron publicados entre 2010 e 2013 en diversos medios como este mesmo xornal, Diario de Ferrol, Faro de Vigo, Galicia Hoxe, El Ideal Gallego, La Voz de Galicia, La Opinión, El País e a revista Muy Interesante. Todos previamente recompilados na web do Igadi, proxecto ao que Pérez-Barreiro dedicou boa parte do seu tempo nos derradeiros anos da súa vida como membro destacado do seu Consello Asesor.
Finalmente, o libro inclúe a longa entrevista publicada na revista Grial (Nº 167, 2005) que recolle aspectos biográficos e conceptuais sobre a súa figura e pensamento.
O Igadi baralla a presentación do volume en Ferrol cara finais do mes de marzo.

figura internacional
Co paso dos anos a figura de Fernando Pérez-Barreiro non fai máis que medrar. Nacido en Ferrol en 1931, este escritor e avogado, alumno de Carvalho Calero, marchou a Inglaterra nos ano 60 onde traballou na BBC, a Organización Internacional do Café e foi profesor na Universidade de Londres. Escritor e tradutor (falaba unha ducia de linguas) nunca perdeu o seu compromiso galeguista desde a distancia.
Hai un par de anos publicáronse as súas memorias, “Amada liberdade” (Edicións xerais). Entre os seus numerosos premios figura o de Cultura de Diario de Ferrol, xornal no que colaborou entre 2005 e 2009 no seu suplemento Nordesía. Uns meses ante de falecer recibiu a medalla Castelao.

O Igadi publica as colaboracións sobre Pérez-Barreiro no quinto cabodano do intelectual ferrolán

Te puede interesar