lunes 22.07.2019

A I Festa do Marisco de Ferrol celebrarase en Equiocio e terá á ameixa da ría como protagonista

A confraría ferrolá prevé repartir ata media tonelada deste bivalvo e 100 kilos de percebe nesta cita culinaria

Lonja de Ferrol. Presentación de la Fiesta del Marisco de Ferrol
Lonja de Ferrol. Presentación de la Fiesta del Marisco de Ferrol

A I Festa do Marisco de Ferrol celebrarase dentro do salón do cabalo Equiocio entre os días 2 e 4 de agosto. A confraría colabora coa organización para así aproveitar a afluencia de xente nestas datas e dar a coñecer a calidade do produto da ría. Sobre todo agora que a recuperación das augas polo adecuado saneamento permite mellorar as calificacións das zonas de marisqueo. Deste xeito, na zona gastronómica de Equiocio servirase a cea do venres 2, comida e cea do sábado e xantar do domingo.


A ameixa será a protagonista destas xornadas gastronómicas, aínda que non será o único marisco que se poderá catar. Está previsto que se reparta ata media tonelada deste bivalvo. Aínda que tamén haberá espazo para o percebe (100 kilos) e para as nécoras e zamburiñas, segundo a disponibilidade e prezos no mercado nos días previos. As racións, duns 350 gramos, terán un custe entre os 13 e os 14 euros, segundo explicaba onte a patroa maior da confraría, Isabel Maroño. O obxectivo deste evento gastronómico é o de promocionar uns produtos “espectaculares”, explicou na presentación oficial desta festa, que onte se celebrou no entorno da lonxa con degustación incluída. Alí estaba o director xeral de Equiocio, Federico Pérez-Lago, xunto con representantes da asociación veciñal de Covas (Equiocio celébrase alí), da Xunta e do Concello de Ferrol.

Pérez-Lago subliñou o valor engadido que a Festa do Marisco supón para Equiocio. É un motivo máis para achegarse ata o entorno das Cabazas durante a primeira fin de semana de agosto. Agradeceu a disponibilidade da confraría en canto se propuxo facer un evento deste tipo e destacou o valor da ría e do seu “produto impresionante”.

Deporte e cita social
A concelleira de Benestar Social e Patrimonio Histórico, Eva Martínez, mostrou o apoio do municipio ás iniciativas que contribúen ao impulso da cidade e, en particular, dun sector produtivo como o do marisqueo. “Temos unha ría que é unha verdadeira fonte de riqueza natural, paisaxística, patrimonial e económica”, apuntou. Quixo tamén destacar a importancia dun evento como Equiocio, que trascende o deportivo (aínda que a competición hípica é a base da convocatoria) para converterse nunha atractiva “oferta social e gastronómica”.
O responsable territorial da Consellería do Mar, Juan Carlos Barreiro, incidiu tamén na importancia de apoiar o “excelente produto” das rías galegas con festas gastronómicas como a que bota a andar en Ferrol.


Manuel Sendón, presidente da asociación veciñal de Covas sumouse ás felicitacións á confraría e á “familia de Equiocio” e amosouse seguro de que esta I Festa do Marisco “vai funcionar”.

Comentarios