Miércoles 12.12.2018

A I Asemblea nacionalista (XXIV)

Xa vimos como na información que o diario lugués El Progreso daba do mitin nacionalista celebrado no transcurso da I Asemblea se facía unha crítica severa da utilización do galego por parte dos oradores.

 

Anxel Casal, un dos asistentes
Anxel Casal, un dos asistentes

Xa vimos como na información que o diario lugués El Progreso daba do mitin nacionalista celebrado no transcurso da I Asemblea se facía unha crítica severa da utilización do galego por parte dos oradores. A súa opinión era que en castelán se poderían dicir cousas prácticas e frutíferas que as que dixeran en galego, cheo, ademais, de castelanismos na maior parte dos intervenientes. Manifestaba que Vicente Risco tería dito cousas máis interesantes se non se tivese visto sometido a pasar pola tortura de falar nun galego limitado e pensado en castelán. Risco era un fenómeno, mais en galego...
A continuación referíanse á intervención de Xaime Quintanilla nunha liña semellante. Segundo o cronista, “el furibundo, el formidable, el valiente Quintanilla”, que fora autor de interesantes artigos, en “castiza prosa castellana”, na compostelana Gaceta de Galicia, “aun hablando un correcto gallego, sin palabras rebuscadas, ni frases desempolvadas, y aun siendo de los más enjundiosos oradores del mitin de anteayer, y acaso el más tropezó con que sus ideas progresivas no caen bien cuando se dicen en la ‘garimosa fala’ de Rosalía, más ‘fala’ de románticos poetas que de fogosos revolucionarios”. Novamente o idioma como fonte de todos os males.
Caso diferente a descalificar era o de Peña Novo e Banet Fontenla “los dos únicos encuadrados en el lienzo de la ‘Irmandade da fala’”, xa que esta nacera “al amparo de ellos y no se comprende ni al inteligente notario de Monforte, ni al culto abogado de Villalba y La Coruña, sin una hoz en la solapa de la chaqueta y una bandera azul y blanca al fondo. Realmente ellos dos son los únicos ‘Irmaos da fala’, dos soñadores, dos desfacedores de entuertos que van tras la soñada Dulcinea”. Xente dos tempos de antano, xa que logo.
O resto das intervencións despáchaas cun “Hasta dos o tres oradores más oímos en el mitin. No sabemos sus nombres, y esta es la razón de que nos los estampemos aquí”.
Dá conta de que de Lugo “acompañaban a los asambleístas, el redactor-jefe de La Voz de la Verdad Sr. Guerra, y el joven literato Sr. Correa Calderón” e fai unha unha breve e negativa valoración de conxunto do mitin: “En resumen: Que la ‘Irmandade da fala’ tiene hombres llamados a contribuir a la labor regeneradora de Galicia, pero por otros caminos, con otras tendencias: con más amplitud de miras y sin limitar el campo de acción a lo que puede decirse en gallego y por quien habla tan deficientemente nuestra fala”. Outra vez o idioma como centro de atención.
Parece evidente que o autor da información d’El Progreso, non estaba, en absoluto, polo labor de apoiar o movemento irmandiño. Apunta a todo o contrario. Desde logo non é dos  diarios “simpatizantes” que figuran na relación que aparece na sección “Novas da causa” d’A Nosa Terra duns meses antes, do dez de xaneiro: “Os xornas afíns a nosa causa pol-o d’agora en Galicia, son La Voz de la Verdad, de Lugo; Progreso, de Pontevedra; La Región, d’Ourense; El Ideal Gallego da Cruña”. Se cadra, o xornalista era coñecedor do seguinte artigo, anónimo e sen título, que aparecera, tres semanas antes, no número de 25-de outubro d’A Nosa Terra, onde queda ben patente a importancia da lingua propia para o afianzamento das nacións:
“Polonia, a mártir Polonia, esnaquizada nunha hora triste, vergoña da civilización, vai renascer como nazón.
Porque soubo conservar e cultivar a sua fala propia. Porque a sua fala era a sua alma. E pódese tallar un corpo, mas a alma é inmortal.
Os checo-eslavos van ser tambén independentes. Porque teñen unha fala de seu.
E a Ukrania o mesmo. Aquele “dialecto subversivo da pequena Rusia” que combatían a morte os zares, agora fará o milagre de dar vida e liberdade a un novo povo.
Cataluña, dentro de España, tambén vai camiño de conquerir a sua autonomía, por haber sabido conservar e impôr o seu idioma.
¿E Galicia? ¿Inda non abrirá os ollos desta? 
¿Seguirá sentíndose percisada da hegemonia castelán? 
¿Será o único povo que se negue a si mesmo no mundo?
Pensen nesto os que son capaces de pensaren pola conta propia; os que inda non chegaron tan baixo que coiden perciso, como os vellos escravos de Cuba redimidos, o látigo do negreiro.
Para Galicia o ser ou non ser agora se lle plantea por derradeira vez. Gallegos: facede bon o berro sagro de ¡Terra a Nosa!”.
Curiosamente, o corresponsal do diario coruñés El Orzán, na súa información do mitin,  “Los galleguistas / La Asamblea de Lugo / Un mitin”, aparecida no xornal do día 19, facía fincapé no “¡Terra a nosa!”, tanto no que destacaba sobre as bandeiras do escenario como no que berraron os asistentes ao final do acto. Segundo este informador, todos os oradores combateran as oligarquías caciquís porque eran a causa da “esclavitud que padece el labrador gallego, y sostuvieron que Galicia precisa unirse al movimiento de renovación mundial, disponiéndose a ser gobernada por sí misma”.
Como xa se dixo en entregas anteriores, do falado nas sesións asemblearias pouco ou nada transcendeu máis alo das conclusións “que fan públicas para conocimento e meditazón do pobo galego nestora solemne do albeo das nazonalidades que sinten tremelar a súa y-alma e fan xurdir a súa personalidade”. O manifesto asinárono os asistentes e imprimiuse cos seus nomes, entre outros, dos non citados con anterioridade, Castelao, Cabanillas, Victoriano Taibo, López Abente, Mosteiro Pena, os irmáns Villar Ponte, Ánxel Casal, Blanco Torres, Víctor Casas, ... 
 

Comentarios