Humor e música, na programación municipal de Cedeira do mes de maio

Humor e música,  na programación municipal de Cedeira do mes de maio
un momento do espectáculo “bon apetit” de ghazafelhos daniel alexandre

O Auditorio de Cedeira comeza o sábado a programación cultural municipal do mes de maio centrada nas artes escénicas e a música. Así, a actividade comeza a andar este sábado, día 4, con “Dous son parella e o demáis son calumnias”, espectáculo de monólogos e sketchs protagonizados por Patricia Vázquez e José Manuel Puente “Isi”, sobre as relacións de parella.

“Isi” é un habitual colaborador de diferentes programas da TVG. Gañador de “O rei da comedia”, vén participando con grande éxito dende hai máis dunha década en distintos programas da TVG como “Air Galicia”, “Supermartes”, “Land Rober” ou “Luar”. A súa compañeira sobre o escenario, Patricia Vázquez, é unha popular intérprete televisiva coñecida como actriz en series de ficción como “Air Galicia” ou “Mareas Vivas”, aparecendo na actualidade nas series “Era visto” e “Padre Casares”.

Tomará o relevo o día 11 Ditea, a compañía pioneira en Galicia cunha traxectoria que supera o medio século. Trae a Cedeira “Acto imprevisto”, un espectáculo que reflicte a realidade cotiá a través do humor. A acción transcorre a poucos días dunha estrea nun teatro, onde reina a desorde... e é aquí onde dúas limpadoras irrompen no escenario e van, inconscientemente, deixándose levar por unha sensación de liberación que lles produce o “espazo de ficción” e, pouco a pouco, amosan as súas paixóns afogadas, tecéndose así unha trama na que, a través das súas tráxicas vivenzas  recoñecemos un mundo moi próximo e, paradoxalmente, cómico. Dous seres traxicómicos que, por un casual, permítense o luxo de soñar.

O día 18 de maio, a compañía pontesa Quemaisten Teatro representará “Cinema”, unha comedia que se basea na idea de que todo o mundo ten a necesidade de crer que a vida real podería ter un fin. Por iso, a formación transporta ao público a un mundo de cine con referencias a películas como “Pulp Fiction” ou “Psicosis”.

 

para tódolos públicos

Continuando coa programación cedeiresa, o venres 24 a compañía naronesa Ghazafelhos (Pepablo Patiño, Montse Piñón e Jorge Casas) ofrecerá “Bon Apetit”, unha obra pensada para nenos a partir de tres anos.

A compañía presenta a Antuan de la Sardiní, Philip de Toucignón e Fransuá de la Berenxem, tres chefs que van mostrar os segredos da cociña tradicional seguindo o libro de Cunqueiro “A cociña galega”. Unha comedia total en clave de clown onde a gastronomía é o ingrediente esencial para provocar o humor. A representación conta coa colaboración da ANPA Picapeixe, que entregará como agasallo a cada neno asistente un libro.

Pechando a programación do mes de maio, o sábado 25 actuará o Peque Coro do Conservatorio Superior “Xan Viaño” de Ferrol. Formado por nenos que cursan o grao Elemental do Conservatorio, tódalas semanas ensaian xunto coas súas profesoras. Están acompañados ao piano por Alexandra Pita e baixo a dirección de Catuxa Pita.

Humor e música, na programación municipal de Cedeira do mes de maio

Te puede interesar