Homenaxe en lembranza dos versos que Rosalía de Castro dedicou á parroquia do Seixo

Homenaxe en lembranza dos versos que Rosalía de Castro dedicou á parroquia do Seixo
Un momento do encontro celebrado no pazo municipal

“Si a vernos, Marica, nantronte viñeras/á festa do Seixo na beira do mar/ti riras, Marica, cal nunca te riches/debaixo dos pinos do verde pinar”. Estes son os versos que a poeta Rosalía de Castro dedicou á festa da devandita parroquia mugardesa, unha romaría que gozou de notable sona durante boa parte do século XIX e que inspirou un poema incluído na segunda edición de “Cantares Galegos”.
Así se demostra na investigación desenvolvida por Henrique Sanfiz, Jorge Gómez, Miguel Rodríguez e Xan Carneiro, impulsores do proxecto “Rosalía de Castro e a fábrica de mulleres”. O traballo despexa calquera dúbida, según Sanfiz, de que eses versos falan da festa de Mugardos, que a poeta coñeceu pola súa amizade cos propietarios da fábrica textil do Seixo.
O sábado, esta parroquia mugardesa acollerá a homenaxe coa que se pretende poñer en valor esta relación. Así, o Concello de Mugardos descubrirá alí, ás 20.00 horas, unha placa conmemorativa no número 107 da Avenida do Seixo, onde orixinalmente se celebraba a festa, ata o ano 1870. No acto participará, xunto cos autores do traballo e os representantes municipais, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. O mugardés Javier Maceiras Silvar cantará un poema da homenaxeada.
A continuación, haberá unha cea –previa inscrición– no local da Sociedade Amigos da Paisaxe Galega en recordo de Rosalía de Castro. O menú estará composto por caldo de gloria, pementos de Padrón, compango de porco e “proia”, todos pratos que aparecen a obra da poeta. Os comensais irán ademais vestidos con roupas propias do século XIX. O prazo para se apuntar remata hoxe mesmo.
O acto deste sábado será o primeiro dun programa máis ambicioso que ten como obxectivo coñecer en poñer en valor este capítulo esquecido da historia deste núcleo mugardés, tal e como salientan desde o Concello.
Libro e obra teatral
Así, o mesmo incluirá tamén a edición dun libro –no que o Concello de Mugardos e con toda probabilidade a Deputación da Coruña colaborarán e que esperan poder presentar antes de finais de ano– e a posta en escena dunha peza teatral a cargo do grupo Teruca Bouza, que está a ensaiar a obra “Rosalía no Seixo”, escrita por Eugenia Sanmartín e da que o sábado, na cea, ofrecerase un fragmento.
A alcaldesa da localidade, Pilar Díaz, agradeceu a iniciativa dos autores, acollida con moito interese polo Concello xa que “contribuirá ao mellor coñecemento dunha muller universal, como é Rosalía de Castro, e do senlleiro pasado do núcleo histórico do Seixo”, dixo. l

Homenaxe en lembranza dos versos que Rosalía de Castro dedicou á parroquia do Seixo

Te puede interesar