jueves 1/10/20

Guadi Galego | “Este era o disco que eu quería facer e que sentía que tiña que facer por moitas razóns”

A artista cedeiresa publica “Inmersión”, unha reinterpretación de once temas xa editados nos seus últimos tres discos e un inédito. Unha revisión en sete linguas e coa colaboración de artistas como Iván Ferreiro ou Andrés Suárez
guadi galego_15102917
Guadi Galego incluirá a Cedeira o 29 de decembro na xira do novo disco

A Guadi Galego gústalle experimentar. No seu horizonte non hai máis límites que eses que poñen os sentimentos. “Vou sempre procurando cousas que me movan por dentro, musicalmente que me emocionen, xente que me cautive por diferentes razóns ou momentos que me levan a facer o que realmente sinto”, di.

Non é de extrañar, daquela, que neste seu novo traballo se lanzase a cantar en ata sete linguas diferentes. Galego, euskera, catalán, asturiano, castelán, portugués e occitano-aranés están presentes en “Inmersión”, o novo traballo da cantautora cedeiresa e que hoxe sae á rúa. 

É unha revisión de once temas dos últimos tres discos –“Lúas de outubro e agosto (2014); “O mundo está parado” (2016); e “Bola de cristal (2018)– e un inédito. Canta ademais en colaboración –que non en dueto, puntualiza, “porque hai cantantes pero tamén instrumentistas que deixan a súa impronta” – con outros artistas como o ferrolán Andrés Suárez ou Iván Ferreiro, co que comparte o tema “Cedeira”.

O proxecto, do que recoñece que foi unha aposta “arriscada”, supuxo para ela o reto de “traspasar, a través das linguas, esa parte máis emocional das cancións; e por outro lado, trasladar as miñas cancións ás visións tan diferentes doutros artistas”, conta. Di que “este é un traballo que require máis dunha escoita; dunha escoita máis tranquila”, e do que trascende unha clara estética moito máis minimalista”.

Salienta a emoción coa que se creou e é perfectamente sabedora da expectación que está a xerar entre o público.

Culturas minorizadas
“Eu sempre fago o disco que sinto que teño que facer; non penso no disco que me toca facer, ou no que sería o correcto. Eu penso que as carreiras teñen que ir moi equilibradas coa persoa, coa túa vida persal, e este era o disco que eu quería facer e que sentía que tiña que facer por moitas razóns”, destaca.

Entre elas, probablemente, a súa gran sensibilidade cara ás culturas máis minorizadas ou “que están aí, ao noso carón, e non coñecemos moitos”, considera.

Desde hoxe, “Inmersión” poderá ser adquirido físicamente –unha acuarela inédita de Leandro Lamas ilustra a portada– e estará dispoñible tamén nas plataformas dixitais.

Coñécense xa ademais as primeiras datas da xira deste novo traballo. En Cedeira, na súa casa, estará o vindeiro 29 de decembro.

Comentarios