lunes 26.08.2019

O Grelo Folc achega a Monfero a vangarda da música de raíz

A asociación O Abordelo volve convocar á festa no mosteiro de Monfero. Alí celebrarase, o sábado 18 de outubro, unha nova edición do Grelo Folc, unha proposta que se recuperou hai uns anos

Ataque Escampe actuará no mosteiro de Monfero
Ataque Escampe actuará no mosteiro de Monfero

A asociación O Abordelo volve convocar á festa no mosteiro de Monfero. Alí celebrarase, o sábado 18 de outubro, unha nova edición do Grelo Folc, unha proposta que se recuperou hai uns anos con boa estrela e que abrangue todo tipo de estilos musicais. No festival deste ano conviven os sons máis pegados ó tradicional de Eudemónicas ou A requinta da Laxeira co persoal pop-rock de Ataque Escampe ou as influencias ska e punk de Trapallada. Todo iso a partir das dez da noite e con entrada libre.
O Grelo Folc, porén, ten actividades desde o mediodía, cun xantar popular no que primará o churrasco. Custa doce euros por persoa e hai que inscribirse nos números 679 251 163 ou 698 166 277. Tamén se pode facer a través do correo [email protected]
A Nabiciña, para os nenos, está prevista a partir das seis da tarde. Haberá bailes, cantos e xogos musicais que contarán coa participación de Branca Villares (de Eudemónicas) e de Pablo Pintor e nos que os rapaces tamén poderán tocar. Ademais, antes de que chegue a hora dos concertos, organizaranse xogos populares para tódalas idades.

os grupos
Baixo a carpa instalada no exterior do mosteiro de Monfero soará pola noite a percusión e as voces de Eudemónicas. Ataque Escampe chegan presentando o seu traballo máis recente, “O disco vermello”, editado este mesmo ano. A multitudinaria festa que propón A requinta da Laxeira chegará a continuación, recuperando na súa proposta folk a requinta da zona do Ulla como instrumento. Traen con eles o seu disco “Maise”. E Trapallada chegan desde Monte Alto asumindo herdanzas de bandas como Diplomáticos, Xenreira ou Skarnio. Propoñen unha mistura de música ska, punk e de raíz que recollen en traballos como “Pedras no camiño”.

Comentarios