Gravacións na rúa e apertura da mostra de Edu Pereira para comezar “Videoclips a Esgalla”

Gravacións na rúa e apertura da mostra de Edu Pereira para comezar “Videoclips a Esgalla”
diario de ferrol-9999-99-99-999-5de4f58e

Ferrolterra é unha “superpotencia creativa e creadora” e así se demostrará na terceira edición da Mostra “Videoclips a esgalla” impulsado desde a área de Cultura do Concello de Ferrol e coordinado por Alberto Alonso.
O programa comezará hoxe mesmo con dúas citas. Así, a partir das 10.30 horas, Catu Martínez dirixirá a María Manuela na gravación dunha peza que permitirá amosar “á xente de a pé as entrañas da gravación de un videoclip”, salientan desde a organización.
Ao longo de todo o día, a realizadora e directora artística dirixirá á cantante, compositora e pintora en diferentes puntos da cidade e comarca ante a mirada de todos os cidadáns, curiosos, fans e seguidores da mostra, apuntan.
A rúa Dolores (sobre as 10.30 horas), o peirao ferrolá (11.30), a fervenza do río Belelle (12.30), o pinar de Doniños (17.30), os camiños da praia de Santa Comba (19.30) e esta praia (19.30) son as localizacións previstas para esta primeira actividade (os horarios poden sufrir lixeiras variacións).
Tamén hoxe, neste caso ás 20.30 horas no Ateneo Ferrolán, procederase á presentación do DVD “Videoclips a Esgalla 2018”, que reúne un total de 106 pezas –na convocatoria de este ano engadíronse 39– así como á inauguración da exposición fotográfica “Ferrol & Rock en Foco”, de Edu Pereira. Na mostra, que se poderá ver ata o 30 de novembro, o fotógrafo ferrolán achega a súa particular mirada sobre o panorama musical da comarca de Ferrolterra.
Con respecto ao devandito dvd, será entregado de xeito gratuíto a aquelas persoas que asistan ás actividades, así como nas salas colaboradoras co evento.
Sábado
As cámaras volverán ás rúas de Ferrol e comarca o sábado, a partir das 15.30 horas, na gravación do videoclip no que Mangi Caldevilla, un dos máis veteráns realizadores da comarca, dirixirá ao cantante mugardés Xoán Rubia. O Palco da Música do Cantón será o punto de partida dos escenarios polos que discurrirá a actividade, que continuará no castelo de San Felipe para rematar no peirao mugardés.
O programa continuará o xoves 18, ás 20.30 horas no Ateneo Ferrolán, cunha conferencia a cargo de Fernando F. Rego, Sergio Peck, Olalla Padín e Óscar M. López, que levará por título “Ferror Records e CGTH: Autoxestión, independencia, edición e apoio á escena local”.
Ao día seguinte, o venres, haberá unha dobre cita. Así, á gravación do videoclip da banda Oddy Lane por parte de Juanpa Ameneiros –que terá entre os seus escenarios lugares como Canido ou San Xurxo–, sumarase no Ateneo Ferrolán unha nova charla, neste caso a cargo de Carlos A. Quirós, de Cuerda Floja Producciones. Será ás 20.30 horas.
O sábado 20 voltará a acción á rúa da man do grupo Robot Humano, a quen se encargará de dirixir Carlos A. Quirós na gravación do videoclip por Caranza e o Porto Exterior, entre as súas localizacións.
Trala conferencia prevista para o xoves 25 de Juanpa Ameneiros, o programa concluirá o venres 26 coa participación do director do Festival de Cans, Alfonso Pato, ás 20.30 horas no Ateneo. l

Gravacións na rúa e apertura da mostra de Edu Pereira para comezar “Videoclips a Esgalla”

Te puede interesar