miércoles 25/11/20

Ghazafelhos | “Esta é unha obra tráxica pero tamén con moitas aventuras e moi divertida”

O grupo naronés estrea hoxe con tres funcións no Pazo da Cultura a adaptación de “Pinocchio” xunto a Rigoletto Teatro
Imaxe dos integrantes de Ghazafelhos e Rigoletto co seu particular “Pinocchio”
Imaxe dos integrantes de Ghazafelhos e Rigoletto co seu particular “Pinocchio”

É unha das obras máis recoñecidas da literatura universal e obxecto de infinidade de adaptacións. Entre elas, a que hoxe estrearán no Pazo da Cultura os naroneses Ghazafelhos e Rigoletto Teatro. Sen fuxir da aventura tradicional coa que o autor Carlo Collodi fixo famoso ao singular títere de madeira ao que lle crecía o nariz cada vez que contaba unha mentira, a particular versión de Pepablo Patinho sitúa ao vello Geppeto nun xeriátrico.

Isto dálles pé para tratar dúas cuestións “vitais para nós”, di o integrante da compañía artística local: en primeiro lugar, “a soidade de tantas persoas maiores como a deste Geppetto que moitas veces queda de lado e resulta que el foi o que construíu a Pinocchio; e doutra banda, a propia aventura deste títere, esta metáfora do que é ser un neno de verdade, que implica equivocarse e ser travieso para darse conta do que está ben e do que está mal”, comenta. Conta ademais o actor que na peza fan moito fincapé na mentira para trasladar esa mensaxe de que “o mellor que podemos facer no mundo é ser sinceiros”.

Na súa adaptación, Geppetto recrea a través dun soño as súas aventuras con Pinocchio. “É unha historia tráxica, pero ten tamén toda a coña que ten Ghazafelhos cos nenos e nenas. Ten partes moi emotivas pero non vai ser un dramón. Creo que é moi divertida, con moitas aventuras e moitos momentos de loucura”.

Títeres, teatro actoral e música son os ingredientes principais da peza que levará ao escenario aos integrantes de Ghazafelhos –o propio Patinho, Montse Piñón e Jorge Casas– e de Rigoletto –o pianista Cristian Leggiero e a cantante Paty Lesta–. Non faltará, por suposto, o protagonista da aventura, Pinicchio, creado por Suso Pirri e do tamaño dun neno de aproximadamente seis anos, salientan os creadores.

Funcións
A estrea incluirá hoxe un total de tres funcións: ás 12.30, ás 18.00 e ás 20.00 horas. O aforo de todas elas estará moi limitado por mor das restriccións determinadas polas autoridades sanitarias para tratar de frear a propagación da Covid-19. Os billetes poden ser retirados na billeteira do Pazo ou na web do Padroado da Cultura.

A peza, dirixida a público familiar e infantil a partir de seis anos, ten xa pechadas novas datas para a súa representación logo da estrea de hoxe en diferentes localidades galegas.

Comentarios