Germán Costoya | “A ampliación da plantilla da Policía Local permitirá o achegamento ao cidadán e que se visibilice o seu labor”

Germán Costoya | “A ampliación da plantilla da Policía Local permitirá o achegamento 
ao cidadán e que se visibilice o seu labor”
Germán Costoya Psoe Ferrol

Como edil de Seguridade é o responsable da Policía Local e Bombeiros, dous corpos que veñen demandando continuamente melloras tanto de instalacións como de ampliación de plantilla.


Por que se desbotou o traslado da Policía a FIMO como estaba previsto?
Nós, nese sentido, temos a premisa de ser fieis ao programa electoral e tiñamos o compromiso de que a zona de FIMO sería unha área de esparcimento e deporte e así o faremos. En canto ás instalacións da Policía e Bombeiros é obvio que precisan melloras e non se pode continuar como ata agora. As dúas necesitan un acondicionamento e modernización coa maior urxencia posible para que poidan desenvolver o seu labor.

E poden facer ese traballo diario co persoal do que se dispón?
O tema do persoal afecta a todas as áreas do Concello e, por suposto, á seguridade e tráfico. No caso da Policía Local e dos Bomberios esta situación é especialmente grave porque se trata dun servizo que se presta 365 días ao ano e ten que ser cuberto por funcionarios que veñan de pasar un proceso de oposición, non podemos tirar de bolsas de emprego. Por iso, nese aspecto, temos especial problemática nestas áreas.
No caso da Policía, vai aumentar en cantidade significativamente pero aínda tardará ao redor dun ano. Hai un proceso de selección que incorporará a doce policías que se destinan a Ferrol de maneira directa, ademais de catro prazas de mobilidade que poden chegar á cidade naval. Esa ampliación fará que teñamos un achegamento ao cidadán, que é un dos obxectivos primeiros da área de Seguridade, acercar a Policía ao veciño. Ás veces dise que a policía non se ve, pois hai que solucionalo e coas novas incorporacións visibilizarase máis a Policía Local. En canto aos bombeiros é necesaria a ampliación de plantilla, xa que nos próximos anos o déficit irá en aumento, con xubilacións á vista e van facer que se reduza máis a plantilla.

En materia de Tráfico, como se pretende ordenar A Magdalena?
Ferrol non é unha cidade ordenada. A día de hoxe non hai máis que saír á rúa e ver que se aparca ao chou, onde caiba o coche se deixa. É un obxectivo claro e urxente, ordenar e regularizar o estacionamento. Temos un barrio da Magdalena pintado de cores pero ninguén entende nin sabe si funcionan as zonas acotadas ou non, nin canto tempo ou onde se pode aparcar. É preciso, ademáis, un labor informativo á cidadanía, unha vez que a ordenación se leve a cabo.

Outra das súas áreas é a de mercados, que necesidades teñen as prazas de abastos?
Ordenar é unha palabra común para todas as miñas áreas. Se ben é certo que precisamos ordenar o tráfico tamén hai que facelo en mercados e mercadillos, que a día de hoxe parece que se colocan ao chou, e son cousas que non se poden permitir os gobernos serios. Tampouco pode ser que se tarde tantísimo tempo en conceder un posto dun mercado municipal ou que haxa outros adxudicados e pasen incluso anos sen abrilos.

Esa ordenación chegará tamén aos mercadillos e feiras?
Estamos traballando na ordenación, paso a paso. O primeiro para poder regular eses mercadillos é regular aos que venden neles e cando nós teñamos exactamente o censo dos vendedores neses mercados, que estean en situación correcta, que cumpran a legalidade (e para iso lles daremos todas as facilidades), poderase ordenar, de xeito que nada máis que estean nos mercados os postos que teñan garantía e a dean tamén ao consumidor

Agora o mercado de Caranza está inmerso en obras de mellora, requeirirán actuacións os outros dous, Recimil e Magdalena?
O mercado de Caranza témolo máis ou menos encamiñado coa obra que se está a facer. Os postos estarán cubertos case na totalidade polos praceiros actuais, e é o mercado que pasará a ter menos problemáticas. Si que hai necesidades importantes en Recimil e Magdalena, porque hai moitísimos postos baleiros. Por iso, coa área de Patrimonio temos que traballar man a man para axilizar os trámites de adxudicación, xa que hai xente interesada en abrir postos e a lentitude burocrática fai que se decanten por outras vías.

E responde o funcionamento das prazas de abastos ao que require o cidadán como comprador?
É certo que temos que modernizar os mercados, abrir a posibilidade a que se vendan outro tipo de produtos, que entren negocios.que dinamicen e sobre todo de tipo hostelería, que poderían promocionar os produtos propios da praza e consumirse alí mesmo, de calidade e fresco. Ademais, hai que facer os mercados máis atractivos –de aí a necesidade de obras–, porque os espazos sombríos, escuros, sen coidado, merman a posibilidade de que entren clientes que si son atractivos e con variedade de produtos. Eu quero mercados nos que entren os clientes incluso polo pracer de pasear por eles. Despois será cando veña a dinamización, en colaboración cos propios praceiros.

Na área de Benestar Animal, aprobouse a ordenanza este mismo ano, queda agora a súa aplicación...
A ordenanza está ben pero hai que poñela en práctica e aí si que afecta a carencia de persoal, porque esta concellería non ten funcionarios asignados específicos. Cos medios que temos traballaremos nun proxecto de control das colonias felinas. É unha problemática que pode levar á falta de salubridade e que está na man do concello evitar. Proximamente faremos un primeiro traballo de control das colonias e, á vez, traballaremos noutras cuestións como o mantemento e mellora dos parques caninos na cidade. A día de hoxe hai algúns que son simplemente unha malla ao redor dun terreo. Nós queremos que os espazos destinados para cans sexan coidados para animar aos propietarios das mascotas para que os leven a espazos axeitados.


E queda pendente un ano máis a praia para cans?
Eu estou a favor de que haxa unha praia adicada a isto, pero non por imposición. Terá que ser o máis consensuada posible, o que non quere dicir que finalmente sexa a gusto de todos, pero si o máis consensuada posible. De tódolos xeitos, prefiro ter unha praia de cans e non ter críticas por non tela.

Germán Costoya | “A ampliación da plantilla da Policía Local permitirá o achegamento ao cidadán e que se visibilice o seu labor”

Te puede interesar