lunes 14.10.2019

Fundación da “Hirmandade dos Amigos da Fala”

Iniciamos hoxe unha serie de colaboracións de periodicidade semanal conmemorativas do primeiro centenario da fundación das Irmandades da Fala.

Placa do Facho, 1980 (tomada da Wikipedia)
Placa do Facho, 1980 (tomada da Wikipedia)

Iniciamos hoxe unha serie de colaboracións de periodicidade semanal conmemorativas do primeiro centenario da fundación das Irmandades da Fala.
En 1994, Ernesto Vázquez Souza –daquela recén licenciado realizando cursos de doutoramento– e máis eu –case estreándome como catedrático da Universidade da Coruña– iniciamos a recollida de materiais con vistas a realizar conxuntamente un traballo sobre a figura de Ánxel Casal –o editor, alcalde de Santiago, paseado en 1936–, que ía estar de centenario o ano seguinte. O volume de documentación que fomos acumulando imposibilitou que conseguísemos rematar a tempo o libro previsto, polo que decidimos que Ernesto abandonase a realización da tese que tiña en curso e a realizase sobre Casal, como así foi. Unha moi brillante investigación que tiven a honra inmensa de dirixir. Tería sido, pois, sumamente importante que estas colaboracións fosen elaboradas e asinadas conxuntamente, mais as actuais circunstancias persoais do colega e gran amigo Vázquez Souza non o fixeron posible. Mágoa. Aínda que botou máis dunha man.
Quen nas últimas décadas do pasado século teña paseado pola coruñesa rúa de Rego de Auga, á altura do teatro Rosalía Castro, é máis que posible que lembre ter visto unha granítica placa xusto en fronte de La Barra, aquela delicia de café, con mesas de branquísimo mármore onde bater as fichas do dominó, que  o chamado progreso acabou por levar por diante. 
A placa colocárona os membros da Agrupación Cultural  O Facho na fachada do edificio que albergaba no seu baixo a tamén desaparecida libraría Ágora. Dada a pouca elevada altura á que estaba colocada, sufriu as iras da barbarie fascistizante en forma de pintura vermella. Problemas, tamén de índole económica, motivaron cambios de actividade comercial e a placa estivo fóra da vista durante un tempo, ata ser recolocada na fachada do mesmo edificio que dá á menos frecuentada rúa da Franxa. O granito pendurado pol’O Facho ten gravada a seguinte inscrición:
O 18 de maio de 1916 / fundouse aquí a primeira das / IRMANDADES DOS AMIGOS DA FALA / ao impulso dos nacionalistas galegos / Antón e Ramón Vilar Ponte / (1881 - 1936   1891 -1953) / Homenaxe da Agrupación Cultural O FACHO / 18 de maio –DÍA DA NOSA FALA– 1980.
Nesa altura –xa desde 1906–, no primeiro andar desa casa nº 38 da rúa Rego de Auga tiña a súa sede a Real Academia Galega, lugar onde permanecería ata 1920, ano en que se trasladou a un espazo cedido polo concello no Palacio de María Pita. Recordo ben esta segunda sede municipal, porque nela pasei moitas horas de traballo a mediados dos 70.
Ramón Villar Ponte, un dos fundadores das Irmandades da Fala, no seu libro Días, hechos y hombres de la Real Academia Gallega (1953) deixounos este retrato do local fundacional:
“Fué entonces cuando la Academia Gallega se instaló en el primer piso de una casa de Riego de Agua. En tal local, pequeño, pobre e insuficiente, la Academia inicia sus provechosas tareas. Y como dato curioso es de interés hacer constar que en este local se celebró la reunión creadora de la “Irmandade da Fala” y que esta se albergó allí durante algún tiempo generosamente. Esta circunstancia fué motivo de que en su salón de actos, el político catalán D. Francisco Cambó dirigiese por primera vez su elocuente palabra a un auditorio gallego”.
O habitual é considerar como data fundacional o día 18 de maio –de aí que figure na citada placa–, mais tivo que ser un día antes, xa que na primeira plana do xornal La Voz de Galicia do día 18 atopamos a crónica “La reunión de ayer / Os Amigos da Fala” que comeza:
“Ayer ha sido constituída en el local social de la Academia Gallega la “Hermandá de Amigos d’a Fala”.
Al acto que resultó de una sencilla sobriedad, realmente admirable, concurrió un grupo de entusiastas de las cosas de nuestra región. 
Todos los asistentes se expresaron con el mayor entusiasmo, proponiéndose contribuir de modo formal y solemne a la propaganda y al cultivo del idioma nativo. [...] Recibiéronse adhesiones de toda Galicia, de catedráticos, escritores, abogados, poetas, maestros de escuela, médicos, notarios, etc. Aparte otras de colectividades artísticas. [...]
El Sr. Lugrís. abrió el acto con una improvisación gallega elocuentísima que mereció los aplausos de todos.
Luego dióse lectura a los estatutos porque habrá de regirse la “Hermandá de Amigos d’a Fala”, que fueron discutidos y aprobados con gran entusiasmo, despues de darles la forma definitiva. [...]
Finalmente se procedió a la elección del Consejo directivo anual que ha quedado constituído en la forma que sigue:
Conselleiro 1º. Sr. Villar Ponte; Conselleiro 2º. Sr. Valcarcel (D. Antonio); Secretario, D. José Lamas; tesoureiro, Sr Iglesias Roura, y vocales, Sres. Faginas y Fernández Mouriño.
Cinco semanas despois, o 24 de xuño, o secretario José Lamas e o tesoureiro José Iglesias asinaban o oficio correspondente para inscribir no Goberno Civil “una sociedad que llevará por título “Hirmandade dos amigos da fala” encaminada como el nombre indica a fomentar el amor y el uso del idioma gallego.

Comentarios