Fran González: “Os grupos do Citeni teñen moito que dicir no ámbito internacional”

É o novo director técnico do Citeni
Fran González: “Os grupos do Citeni teñen moito que dicir no ámbito internacional”
González, a semana pasada no Campus Industrial I D. Alexandre

Fran González –Ferrol, 1982–, profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), é o substituto de Anne Gosset na dirección técnica do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais, unha “gran responsabilidade”, recoñece este enxeñeiro que afronta “con seguridade porque sei que os investigadores e o persoal do Citeni son grandísimos profesionais e, nese sentido, teño toda a confianza en que van traballar ao máximo, van dar o mellor de si”.

 

Que metas se marca neste período que se abre agora?
Non creo que se estea a abrir un novo período agora, é dicir, simplemente houbo un cambio na dirección porque Anne levaba moitos anos traballando como directora técnica e loxicamente iso é moitísimo traballo e chegou o momento de que puidese dedicar máis tempo á súa carreira investigadora. Eu collo a remuda pero non hai un cambio de estratexia nin de execución, polo que os obxectivos seguen sendo os mesmos: permitirlles aos investigadores do Citeni realizar o seu traballo da mellor maneira posible e darlles todo o soporte para a súa tarefa investigadora, que están facendo coa calidade habitual.

 

Hai algunha liña de investigación que lle gustaría potenciar? 
As liñas de investigación dependen tamén da xente que se vai incorporando ao Citeni, que depende loxicamente dos intereses e das capacidades do seu persoal investigador. Algunhas das liñas están consolidadas porque os grupos existen desde hai anos –os laboratorios, por exemplo–, pero tamén se van abrindo liñas novas cando incorporas investigadores novos e, nese sentido, a xente nova pode traer as súas liñas de investigación para avanzarmos nesas direccións que son de interese para todas as partes.

 

A reacreditación como campus especializado é esixente e fala de liderados no eido estatal nalgunha área, como fabricación aditiva... 
Os grupos do Citeni están en condicións de traballar a nivel de liderado non só nacional, senón tamén internacional. Non quero dicir que sexamos os mellores de España ou de Europa, senón que a investigación que se fai no Citeni ten relevancia a nivel internacional, e aí están as contribucións dos grupos ás revistas de investigación científica e ás patentes. Non se trata de competir con ninguén por un primeiro posto, pero si é verdade que temos moito que dicir no ámbito internacional e que as contribucións que facemos á investigación, á ciencia e tamén á transferencia son de relevancia.

 

En que medida a boa comunicación entre as direccións é clave no bo funcionamento do centro?
É fundamental que todos vaiamos na mesma dirección. Teño moita interacción tanto con Armando Yáñez, director científico, como con Anne Gosset, e podo dicir que a sintonía é moi boa, tamén co persoal de xestión do propio Citeni, e iso é fundamental para que as cousas funcionen. Estou totalmente convencido de que o éxito dun centro de investigación coma este depende do bo entendemento da xente implicada e tamén da colaboración de todos. A relación con Armando e con Anne é moi sinxela.

 

Todo o mundo ten palabras de agradecemento a Anne Gosset... 
A Anne só podo dicirlle, e creo que toda a xente do Campus Industrial o comparte, que moitas grazas, porque o traballo que fixo foi inmenso, porque tivo que abrir camiño, e iso sempre é complicado. E grazas tamén por facer a transición tan sinxela. 

Fran González: “Os grupos do Citeni teñen moito que dicir no ámbito internacional”

Te puede interesar