Fóra do mapa, un festival para “darlle vida e autoestima” a Ferrol

Fóra do mapa, un festival para “darlle vida e autoestima” a Ferrol
Un momento do obradoiro que desde onte imparte Marta Carrasco no Ateneo Ferrolán | daniel alexandre

Actual, divertido e conmovedor. Son algúns dos cualificativos que a actriz Cristina Moreira emprega para definir o Festival de Artes Escénicas de Ferrol “Fóra do mapa” que ela coordina. A actividade, impulsada pola área de Cultura do Concello de Ferrol, abriu onte a tea para achegar ao público un programa variado, aberto a todas as idades e con gran énfase nas propostas innovadoras e contemporáneas.
“O festival quere contribuír a darlle vida e autoestima á cidade; poñendo en valor espazos singulares a través de artes escénicas que falan nestes lugares”, salienta Moreira. O obradoiro “Que me cuenten lo bailao!”, que imparte Marta Carrasco, convertiuse onte na primeira das citas que se irán desenvolvendo ao longo de toda a semana.

Exposición
A recoñecida coreógrafa, directora escénica, pedagoga teatral, bailarina e intérprete fará ata o xoves do Ateneo Ferrolán o seu laboratorio de creación coas 13 persoas inscritas, que o xoves amosarán o aprendido nunha peza “add hoc” prevista para as 21.00 horas no propio Ateneo.
Tamén onte pola tarde procedeuse, no centro cultural Torrente Ballester –sede central do festival– a inauguración da exposición “Fenómenos do rural. Unha homenaxe á muller rural galega”, de Yoseba Murazábal. Trátase dunha serie de cadros e mulleres nos que autor pretende dar testemuño do traballo que estas desempeñan nos seus fogares e a relevancia que isto ten na súa contorna.
Programa
Para a xornada de hoxe, ademais de continuar co obradoiro, Marta Carrasco protagoniza “Perra de nadie”, ás 21.00 horas no Museo da Costa de Mella.
Mañá mércores será a quenda para o espectáculo “Ultrashow” de Miguel Noguera, única cita na que hai que pagar (cinco euros). Na súa proposta, que terá lugar ás 21.00 horas no Torrente Ballester, o artista explicará unhas trinta ideas, ocorrencias, imaxes mentais ou pensamentos, tal e como se avanza. “É un monólogo con pasaxes improvisadas e divagacións inesperadas, dacabalo entre a conferencia e a peza teatral”, engaden.
O xoves, o protagonismo recaerá no alumnado do obradoiro de Carrasco, para abrir paso así á parte máis intensa do programa, con catro propostas o venres e o sábado e outras dúas como colofón o domingo.
Fin de semana
A xornada do venres incluirá tres pezas de teatro breve en diferentes sedes –”Filgueira”, con tres pases en Afundación; e “Hoy puede ser mi gran noche”, con outros tres pases no pub Malvada. Pola noite, ás 21.30 horas, Enconarte Producciones representará “Monstruación” no antigo restaurante chinés da Rúa Dolores.
Outras tres pezas de microteatro sucederanse o sábado en lugares como a antiga panadaría Francesa (“El hombre efímero); a cafetería Tupinamba (Grallar de corvos e sirenas de barco); e no centro de psicoloxía Silvia Rodríguez (“Mi cuerpo es capitalismo”). A xornada rematará con “Generación Why” no teatro Jofre (21.30 horas).
O festival concluirá o domingo, día para o que se fixaron dúas citas. A primeira terá lugar ás 12.30 e 13.30 co roteiro “Walking Ferrol” dirixido polo dramaturgo naronés José Prieto e que terá como punto de partida o palco da música da da praza da Constitución. A actividade trasladarase pola tarde, ás 18.30 horas, ao Torrente Ballester con “Stripts Episodio I: Mirlo & Rula, de Cinema Sticado.
Para moitas das citas, xa se cubriron todas as prazas dispoñibles, o que confirma o éxito da convocatoria escénica. l

Fóra do mapa, un festival para “darlle vida e autoestima” a Ferrol

Te puede interesar