Fonda actividade da Irmandade da Fala da Coruña (LXXXIV)

Fonda actividade da Irmandade da Fala da Coruña (LXXXIV)
Diario de Ferrol-2018-02-11-011-81851a74

Finalicei a entrega anterior falando de que a Irmandade da Fala coruñesa, celebrara a súa regulamentaria xunta xeral o 1º de abril de 1923, acto do que dera cumprida información A Nosa Terra, de 15 de abril. Como xa quedou dito, nesa reunión, valorada como moi importante, elixírase o novo Consello Directivo para o seguinte ano.
Comezada a sesión, o secretario, Carlos Monasterio, procedeu á lectura da memoria do labor realizado pola anterior xunta, que o voceiro irmandiño reproduce na súa totalidade.
Na memoria, destacábase que o ano anterior fora mesmo máis activo que o propio e decisivo 1918, xa que neste período “se manifestaron nacionalistas todos aqueles elementos de valía que na nosa Terra eisistían ao marxe d-iste movimento, de tal xeito que pódese decire sin erro que todol-os actos púbricos realizados en Galicia o ano derradeiro foron todos de carácter nacionalista”.
Resaltábase tamén que “para nós tamén tivo especial importancia porque foi o ano pirmeiro da nosa vida en que tivemos que marcar novos rumbos ao nacionalismo galego que estivo en grave perigro de se retardare en moitos anos pol-o carácter apolítico e de secta que se lle pretendía dare despois da celebración da Asambreia de Monforte. Por iso tamén nunca tanta actividade despregou a Irmandade nosa”, en clara alusión á doutrina defendida por la ING.
A Irmandade coruñesa celebrara 20 mitins de propaganda nacionalista nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra -Ourense era terreo case exclusivo dos seguidores de Risco. Neste ámbito de actuacións facíase especial fincapé na homenaxe organizada na Coruña en lembranza das vitimas de Sobredo, que fora “o acto de civismo máis grande que na nosa terra se celebrou fai moitos anos”.
Así mesmo, representantes da Irmandade coruñesa asistiran a cantos actos nacionalistas e galeguistas se celebraran en toda Galicia no ano derradeiro, como os banquetes a Asorey, a Palacios, a Llorens etc.
O informe recollía tamén que se lanzara un manifesto -dera conta del A Nosa Terra-dirixido a todal-as entidades nacionalistas ibéricas para  facer unha grande Asemblea, onde se puxese de manifesto en toda España o nacionalismo galego, que se intentaría celebrar no ano 1923 “tendo nós o orgulo lexítimo de haber marcado ao nacionalismo ibérico a verdadeira orientación que tén de seguir para o porvir”.
Falaba, así mesmo, de que se suguira facendo labor de atracción entre os galegos residentes nas Américas e en Portugal.
Entendíase que tivera grande acollida a Gramática Galega de Lugrís Freire e que o traballo da escola de declamación tivera máis intensidade e éxito que nunca. Tamén a Escola Dramática da Irmandade, “pol-o número de repersentaciós e de estrenos”,  constituía xa “unha honra da nosa terra, e a mais vizosa manifestación da nosa cultura”.
Valorábase moi positivamente a organización do ciclo de conferencias que aínda se estaba celebrando e algunha outra cousa como as mortes de Carballal, Inacio Rodríguez ou Murguía.
 Despois de leída a memoria a xunta xeneral acordou “con gran entusiasmo” seguir as orientacións da histórica Asamblea nacionalista celebrada en Lugo, por considerar que marcaban perfectamente a verdadeira orientación que debía ter o movemento nacionalista galego, aspecto no que se instaba á nova directiva a continuar para “tratar de reorganizar algunhas Irmandades que no comenzo do movimento actuaron fortemente e que hoxe non teñen aquela forza e actividade que deberan ter e crear outras cumprindo peticiós dirixidas de varios pobos de Galicia a Irmandade da Cruña”. Finalizaba a información referida a esta cuestión con estas palabras: “Cando isto esteña feito, celebrarase a quinta Asambreia nacionalista das ‘Irmandades da Fala’ coincidindo co’a chegada aquí da excursión da Habana”.
Nin que dicir ten que para a Irmandade da Coruña non tiña ningún valor a denominada V Asemblea organizada poucas semanas antes na Coruña pola I.N.G.
Finalizaba a información d’A Nosa Terra dando conta de que xa na primeira reunión do novo Consello se examinara unha comunicación asinada por varios irmáns pedindo a admisión no seo da Irmandade dunha sección deportivista que constituíse, polo momento, un equipo de fútbol. Aprobouse e quedou organizado o “team” chamado “Club Terra a Nosa”. A camiseta sería branca con franxa diagonal azul e a fouce enriba do corazón e o pantalón azul. Sinalábase que todos os socios do Club terían que se facer socios da Irmandade.
Os irmandiños coruñeses, tal como se dicía, eran conscientes de o fútbol estaba tomando auxe en Galicia e por iso era importante ese acordo de crear un equipo propio con significación marcadamente galeguista que podería servir de propaganda do ideal nacionalista entre os que o integrasen.
Efectivamente, a memoria non esaxeraba xa que era evidente que a actividade da Irmandade da Fala no ano que finalizaba, en que fora Conselleiro 1º Xohan Vicente Viqueira, participara activamente en todas as frontes citadas.E aquí quero deixar constancia dunha que considero relevante e na que a presenza pública, polo que podemos ler nos diarios, foi nula.
Os xornais do sábado 3 de febreiro de 1923 recollían nas súas primeiras planas a morte de Manuel Murguía. Informaban de que tan pronto como se recibiu  a noticia o alcalde cruñés convocou un pleno extraordinario para as cinco da tarde. Alí Peña Novo pronunciou unha oración fúnebre ensalzando os méritos do defunto e felicitou ao alcalde pola súa decisión de colocar no balcón do pazo municipal a bandeira galega a media asta acompañando a española.
El Orzán, do propio sábado día 3, no solto “Galicia, de duelo / La muerte de don Manuel Murguía / La ‘Irmandade da Fala’” daba conta de que:
“Esta entidad se reunió ayer en junta extraordinaria para tratar de rendir el debido homenaje a la memoria del ilustre Murguía y expresar en la forma más solemne su sentimiento por la pérdida del patriarca de las letras gallegas, y entre otros actos que tendrán realización posterior, acordó dedicarle una corona, asistiendo corporativamente con su bandera al entierro a cuyo fin ruega a todos los asociados acudan al local social antes de las cinco de la tarde”.
A prensa diaria do día 4 informaba pormenorizadamente do enterro do patriarca. Recollo a aparecida en “El entierro del señor Murguía” de El Ideal Gallego. Detrás da carroza de primeira “marchaban dos socios de la ‘Irmandade da Fala’ conduciendo una corona y dos porteros de la sociedad ‘Recreo de Artesanos’ con otra”.
Logo ía a cruz parroquial de San Nicolás e despois o féretro “cubierto con la bandera de Galicia (la misma que cubrió el cadáver de Curros Enríquez). “El féretro [...] fué llevado a hombros hasta el Cementerio, estableciéndose los turnos siguientes: primero, don Eugenio y don Leandro Carré Alvarellos, don Fernando Martínez Morás y don Ángel del Castillo; segundo, don Luis Peña Novo, don Gerardo Freijido, don Enrique Rodríguez y don Angel Casal; tercero, don José Lesta Meis, don Manuel Martínez Morás, don Tomás Rodríguez y don Alfonso Fraga; cuarto, don Bernardino Varela, don Luis Artús, don Angel Casal y don Federico Zamora; quinto, don Luis Peña Novo, don Gerardo Freijido, don Luis Hernández Merino y don Juan Rodríguez”.
Como se ve, todos estes porteadores eran membros da Academia Galega, de Cántigas d’a Terra e da Irmandade da Fala, tal como se determinara na organización do sepelio.
Como podemos ler no diario de Vigo Galicia, “Las letras gallegas de luto / El fallecimiento de don Manuel Murguía”, “Una vez el cadáver en la necrópolis, el coro “Cántigas da Terra” cantó el himno a Galicia.
Después pronunció un breve y elocuente discurso necrológico en gallego el concejal Sr. Peña Novo”.
Por El Orzán -que nada dicía sobre o idioma usado- sabemos que o concelleiro manifestara que “la mejor oración que se podía dedicar al finado era leer sus obras” ao tempo que dedicara “un recuerdo a Rosalía, la excelsa cantora de Galicia” antes de terminar  afirmando que “el camposanto guarda ahora los restos de dos glorias de la región y por ello es para todos más querido”. A quen se referiría?, pois como é sabido alí xa estaban enterrados Pondal e Curros. Ou será un erro do informante? 
 

Fonda actividade da Irmandade da Fala da Coruña (LXXXIV)

Te puede interesar