• Martes, 25 de Septiembre de 2018

O folk toma desde onte Ortigueira no corenta aniversario do Festival Celta

A música e o espírito folk invaden desde onte Ortigueira nunha nova edición, a cuadraxésima, do Festival Internacional do Mundo Celta.

O folk toma desde onte Ortigueira no corenta aniversario do Festival Celta
O municipio ortegán convértese desde onte na capital internacional da música folk | daniel alexandre
O municipio ortegán convértese desde onte na capital internacional da música folk | daniel alexandre

A música e o espírito folk invaden desde onte Ortigueira nunha nova edición, a cuadraxésima, do Festival Internacional do Mundo Celta. Con bo tempo e moitísimo ambiente, como é habitual ano tras ano, comezou unha cita que ata o domingo atraerá a milleiros de persoas ao municipio ortegán. Un aspecto este último que foi subliñado polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, ó confiar nun novo éxito da cita, tanto no ámbito cultural como turístico e económico. 
Coa música como principal protagonista, o encontro ofrece outras alternativas, como o mercado de artesanía, obradoiros formativos –de iniciación á zanfona, bodhrán, tin whistle e low whistle ou baile galego–, fotografía na rúa ou exposicións como a de carteis do festival que se poden ver no Centro de Rececpción de Visitantes ou de imaxes do evento instalada no claustro do Concello.
Inauguración
O encontro deu comezo onte cun acto de inauguración que contou coa presenza, entre outros, do alcalde do pobo, Juan Penabad Muras, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, entidade que colabora economicamente co festival.
A continuación, a praza do Concello acolleu o concerto de presentación a cargo da Escola de Gaitas de Ortigueira, The National Youth Pipe Band of Scotland (Escocia) e a Banda de Gaitas de Villaviciosa. A actuación da devandita banda escocesa na Alameda precedeu á celebración, xa no escenario principal de Estrella Galicia, do Proxecto Runas, coas actuacións de Brumafolk (Cantabria), The Taverners (Castela e León) e Beltaine (Polonia). O concerto de Ímar, agrupación con músicos de Escocia e País de Gales puxo o colofón á xornada.