FFV propón unha “performance” para poñer en valor a obra de Ucha

FFV propón unha “performance” para poñer en valor a obra de Ucha
A cidade está salpicada de edificios emblemáticos de Ucha, como a Casa Vázquez, á esquerda| d. alexandre

O 27 de setembro cúmprese o 136 aniversario do nacemento de Rodolfo Ucha Piñeiro, o principal referente da arquitectura do Modernismo ferrolán e dos máis destacados profesionais da súa época, e por segundo ano consecutivo, o Foro Ferrol Vivo propón unha actividade en sinal de recoñecemento da súa figura. Así, o venres 28, entre as seis e as oito da tarde, o FFV levará a cabo unha “perfomance” fotográfica diante dalgúns dos edificios máis emblemáticos de Ucha, como o Jofre, a Casa Romero, o Casino, Casa Rodríguez Trigo e o Bla Bla Café.
Segundo explicou a voceira do Foro, Eva Martínez, os integrantes desta plataforma cidadá facilitarán diversos complementos da época (principios do século e anos 20) á cidadanía para facerse fotos dentro dun marco de cartón con cada un destes inmobles de fondo. Ditas imaxes poderán ser subidas ás redes co hashtag #FerrolÉModerno, co obxectivo de difundir e poñer en valor este patrimonio. Ademais, unha vez pasada a data e coas fotos que a xente suba, o Foro ten previsto realizar un “collage” que porán a disposición dos establecementos do barrio que o soliciten para amosar nos seus escaparates. Martínez fixo un chamamento á participación cidadá nesta actividade, que “non só vai ser divertida, senón que vai máis aló e pretende revindicar un maior recoñecemento aos nosos arquitectos, especialmente a Ucha, e ao noso destacado patrimonio modernista”.
O Foro Ferrol Vivo lembra ademais que o seu proxecto “Ferrol é Moderno” foi presentado o mes de xuño de 2017 á Alcaldía por integrantes desta plataforma cidadá co obxectivo de levar a cabo un programa de actividades dirixidas a fomentar os eidos do Modernismo e da modernidade vencellados á cidade e a celebrar, a proposta da entidade, todos os anos na semana do 27 de setembro e que, como subliñan, espertou o interese de Jorge Suárez, quen fixera algunhas achegas e comprometeuse a dar traslado da proposta ás Concellarías de Turismo e Patrimonio para comezar a traballar de forma conxunta nunha primeira edición que non chega, xa que desde o goberno local non se contactou con FFV. l

FFV propón unha “performance” para poñer en valor a obra de Ucha

Te puede interesar