O festival Jazz de Ría concentra no Cantón os concertos da cuarta edición

O festival Jazz de Ría concentra no Cantón os concertos da cuarta edición
Actuación dunha edición anterior do festival | jorge meis

A cuarta edición do Festival Jazz de Ría será diferente, pero será. Reduce as localizacións, que desta volta, e para evitar desprazamentos e risco de contaxio por Covid-19, non tocará Mugardos, e concentrará as tres noites do mellor do jazz actual galego no Cantón de Molíns, un espazo, asegura a organización, que permite preservar a esencia coa que naceu o evento en 2017: a posta en valor do territorio.

Celebrarase entre o 14 e o 16 deste mes con actuacións que principiarán, en todos os casos, ás 21.00 horas. Do mesmo xeito que as edicións anteriores, a asistencia será de balde, se ben será preciso reservar as entradas –limitarase o aforo para garantir a seguridade– na web.www.reservas.gal, a partir do vindeiro luns, 10 de agosto, ás doce do mediodía.

Marcos Teira e Ton Risco inaugurarán esta atípica cuarta edición. A proposta é singular –guitarra e vibráfono– e achegará ao público un son diferente a través dunha colección de temas que abrangue estándars de jazz, música sudamericana, flamenco e mesmo composicións propias. Deseguido será a quenda de Pablo Sanmamed Trío –o baixista está acompañado por Iago Mourinho no piano e Bruno Couceiro na batería–, no que conflúen o jazz e a world music, combinación que cristaliza no seu disco debut, “16/04”, inzado de melodías como valsas afrancesadas, horos romaneses e sabores varios das músicas de transmisión oral, filtrados pola linguaxe do jazz.

O sábado 15 entran en escena as Ejazz, distinguidas en 2017 e 2019 nos Premios Martín Códax na categoría de grupos vocais e coros. A arranxista e directora musical Carmen Rey lidera un cuarteto que completan Ángeles Dorrio, Marga Ramos e Betty Queiro. Interpretarán versións de jazz, soul, bossa nova ou funk.

O testemuño collerao a proposta da banda Por mí, swing, especializada en temas dos anos 30 a 50 do século pasado, de natureza bailable. Tres voces –dúas femininas e unha masculina–, contrabaixo, saxo, piano, batería e guitarra conforman o grupo.

A cuarta edición do Jazz de Ría péchase o domingo co concerto de Xan Campos Trío, finalista na edición dos premios da música galegos deste ano. A aposta vangardista de Campos, que partilla escenario co contrabaixista Horario García e o baterista Borja Barrueta, non entende de etiquetas, o que non ten impedido que sumen xa tres traballos discográficos, o último deles “Realismo”, que presentarán no Cantón. l

O festival Jazz de Ría concentra no Cantón os concertos da cuarta edición

Te puede interesar