Festival e foliada para celebrar os 30 anos da asociación Mestura

Festival e foliada para celebrar  os 30 anos da asociación Mestura
Festival de Cantareiras de Mestura no local da AVV de Meirás

“É un orgullo levar xa tantos anos traballando desde Meirás polo noso folclore”. Así falaba onte a presidenta da asociación cultural Mestura, Mar Varela, verbo do 30 aniversario que cumpre a entidade e celebra mañá desde as 19.30 horas no local da AVV de Meirás. Unha cita na que se engade ao seu habitual festival de cantareiras esta especial celebración. O evento será completo. Así, comezará co festival en si no que actuará a formación leonesa Gritsanda; Os Carecos, de Ortegal; Donas e Galán, de Ferrol; Cantareiros do Rumial, da localidade de Muros e as cantareiras da propia entidade organizadora, Mestura. A continuación, a partir das 21.30 horas organízase unha foliada e un obradoiro de baile tradicional que contará coas intervencións de Vai Rañala, Meu, unha formación de Trasancos; No Cómbaro, das Pontes, e outra agrupación ferrolterrán, Lume nas Ferreñas. Todo aberto ao público.   

o pulo das raíces
A presidenta Mar Varela salienta: “Este ano aproveitamos a celebración por quinto ano do noso festival de cantateiras para levar a cabo un acto máis variado aproveitando o 30 aniversario”. 
Composta por cerca de 250 socios, Mestura está perfectamente integrada na parroquia de Valdoviño onde, segundo a presidenta, “incluso a xente máis nova vive este labor de forma entusiasta”. Cursos de guitarra, pandeireta ou cantareiras, entre outros, e un activo grupo de folc que actúa por toda Galicia forman parte do seu quefacer diario desde hai xa tres décadas.

Festival e foliada para celebrar os 30 anos da asociación Mestura

Te puede interesar