A festa dos Maios florece en Canido

A festa dos Maios florece en Canido
Imaxe da edición do pasado ano da festa dos Maios do barrio ferrolán

“Maios nas xanelas, maios nas rúas, inventa unha flor, toldo da tafona, comida veciñal na rúa, actividades familiares, xogos tradicionais e populares, concertos, batucadas...”. Así reza no colorido cartaz que a deseñadora Marta Rodríguez, veciña do barrio, creou para ilustrar a Festa dos Maios de Canido (do 3 ao 7 do vindeiro mes), celebración que semella florecer con máis brío en cada nova edición.


A deste ano chega cargada de propostas. A unión de forzas e ideas das asociacións que forman parte da Intrabarrial do barrio ferrolán tradúcese nunha extensa e intensa programación para todos os públicos. Aposta tamén por recuperar a esencia da tradición, coa elaboración das composicións florais, nas súas diferentes versións, no eixo do evento.


Obradoiros de maios, cantos de taberna, exhibición de xogos tradicionais coa participación de escolares da man de Antón Cortizas e un reto para bailar a buxaina máis pequena, concerto e danza na horta comunitaria, merendola interxeracional, certame literario e moitas outras actividades máis configuran a apretada axenda.


O colectivo máxico Lorc&Julit Ferrol, cos magos Martín Varela e Juan Vidal; músicos e grupos como Miguel Biezma, Los Fallaos, el Cruce, Los Alcántara, Los Zares, Paso de Llave, Humberto & Cuco, Baluarte, Los Nostálgicos, Yo, Minoría Absoluta, Lidia India & Grupo, Auténticos Farsantes, a banda de gaitas Agarimo e varios dj’s formarán parte do cartel musical da vindeira semana.


A festa dos maios servirá tamén de marco para a presentación, o sábado 6, da xira musical do artista LGZ (trap-música urbana) así como para a mostra da marca sostible R3-STILO creada por mozos e mozas de entre 12 e 15 anos como parte do proxecto “Sábados polo futuro”, da Asociación Áurega.


E por se isto fora pouco, o barrio ofrecerá xa desde este venres outras propostas para ir preparando o ambiente. Mañá venres será inaugurada así, no local da SRD Canido, a exposición “Calma no Caos”, de Abadía, e o sábado actuarán neste mesmo local Bohemios.


Domingo

O domingo será un día intenso. Entre as 10.00 e 13.00 horas terá lugar no Centro Cívico un obradoiro textil con Longa Vida. A partir das 11.00 horas abrirán as súas portas, na praza Fernando Miramontes, os arredor de setenta postos presentes na segunda edición do Mercado Popular de segunda man, artesanía e antigüidades.


No Centro Cívico terá lugar, de 12.00 a 17.00 horas, a II Feira do Disco organizada por Ferror Récords, coa participación do devandito selo xunto ás tamén firmas locais Pafff Bum Discos e Tualmonteyyoalmar, e Ribeira Radix Records e Rumble Records, este último da Madrid. Paralelamente haberá diferentes actividades culturais, como o concerto de Luis Blanco, acompañado por Elisa e Alberto Amigo de Todo el Largo Verano, así como pinchadas de Ferror Dj’s e Captain Smut. Haberá tamén ambigú, informan desde a organización.


Ese mesmo día, na SRD Canido, inaugurarase o Furancho coa actuación musical de Nacional 81, actuando ás 19.00 horas no local da sociedade o quinteto de vento Brisas. Tamén o vindeiro domingo terá lugar, no centro cultural Torrente Ballester, a final do certame “O Talentiño”, impulsado pola Intrabarrial de Canido. Será a partir das 19.00 horas e incluirá as actuacións dos finalistas desta primeira edición.

 

Exposición

A apretada axenda cultural e festiva do barrio de Canido contempla tamén para o vindeiro martes, véspera do comezo do programa dos Maios, a apertura da exposición foto pictórica “Pintando Ferrol”, que será inaugurada ás 20.00 horas no Centro Cívico. 

 

Trátase dunha iniciativa altruísta no que participan quince pintores e un fotógrafo afeccionado. O recadado das ventas dos traballos expostos será entregado integramente á Cociña Económica de Ferrol. Os artistas participantes reproducirán imaxes realizadas por Manuel Galdo. A actividade contará coa intervención musical de Manolo Bacalhau.

A festa dos Maios florece en Canido

Te puede interesar