Un ferrolán no xermolar das Irmandades

Un ferrolán no xermolar das Irmandades
Copia (2) de 2016-05-22 01_08_13-011FD.pdf - Adobe Acrobat Professional

Vimos como en maio de 1916, nunha xuntanza celebrada na sede da Real Academia Galega, na rúa Rego de Auga da Coruña, se fundou a primeira das Irmandades da Fala, botada á andar definitivamente despois de diferentes tentativas motivadas en parte por algún escrito do ferrolán Aurelio Ribalta Copete (1864-1940).
O profesor Carvalho Calero recolle na súa magna Historia da Literatura Galega Contemporánea unha anécdota do escritor segundo a cal este puxera na porta da súa casa madrileña a inscrición “Petade kos kotelos”, o que fixo pensar a máis de un se se trataría dun diplomático grego. Non era tal a intención do ferrolán. Simplemente, este xeito de escribir a forma de chamar no seu domicilio respondía á ortografía fonética que propuxo para o galego a partir da publicación do seu Libro de Konsagrazión. / Feixe de poesías gallegas (Madrid, 1910).
Ribalta licenciara en Filosofía e Letras e Dereito na Universidade de Santiago e  doutorarase en Leis na de Madrid. Na capital exerceu de funcionario de Facenda, de profesor de inglés na Escola de Idiomas, así como de secretario persoal de Juan Armada y Losada, Marqués de Figueroa, deputado conservador polo distrito da Coruña e ministro de Graza e Xustiza, labor este que ten a súa importancia á hora de explicar “contradicións”, actuacións autopropagandísticas ou certos silencios.
Mais, aquí e agora, Ribalta interésanos polo papel que xogou reclamando a necesidade da fundación do que serían as Irmandades. Rexionalista activo desde os anos finais  do século XIX, tanto na chamada Cova Céltica como na Liga Gallega, en 1915 fundou en Madrid Estudios gallegos. Revista quincenal de lenguaje, finanza, turismo. Tirou 22 números –con periodicidade mensual  a partir do número 14– entre xaneiro de 1915 e decembro de 1916. 
Os dous últimos números, correspondentes a novembro e decembro de 1916, saíron maioritariamente en galego, identificándose coas ideas das Irmandades de Amigos da Fala
Comezando o ano 1916, Antonio Maura, presidente da Real Academia Española, enviou ao goberno un escrito, datado o 6 de xaneiro, onde lle propuña adoptar medidas defensivas perante o uso das “linguas rexionais”, que como no caso do catalán estaban a acadar un grande pulo mercé á gran campaña rexionalista que viña desenvolvendo a Lliga. 
Fíxose de público coñecemento cando o 1 de febreiro apareceu no diario ABC. Ribalta considerou que as propostas académicas non podían quedar sen resposta e ese mesmo día redactou unha carta de contestación dirixida ao Excelentísimo Señor Ministro de Instrucción Pública y Bellas Artes, na que rebatía o escrito de Maura en nove puntos. 
Entendía que era discutible que a RAE debese intervir nese asunto; que a publicación do escrito producía “un daño grave a la riqueza filológica de España”; que a RAE, lonxe de impedir o cultivo e o emprego oficial das linguas españolas, debía “estudiarlas, cultivarlas ella misma y contribuir a su enaltecimiento”; que o problema do esplendor do castelán non estaba nin moito menos no expresado pola RAE; que non era certo que o uso das linguas rexionais nas escolas e corporacións orixinase ou agravabase males públicos de ningunha caste; que tampouco o era que as leis vexatorias das linguas faladas en España fosen os medios máis eficaces para a difusión e pureza da linguas castelá; que non era lícito dicir que a Academia respetase e estimase as linguas faladas en España, cando pretendía impedir o seu desenvolvemento e o seu uso e que tampouco era lícito dicir que toda España había felicitar o ministro se accedía ao parricidio que a Academia lle solicitaba.
Finalizaba a carta suplicándolle “que tome a su cargo la honrosa tarea de velar por la difusión y florecimiento de todas las lenguas españolas, verdadera riqueza filológica de la que todos debemos estar orgullosos”. A carta publicaríaa no número dese mes de febreiro da revista Estudios Gallegos.
Pouco antes, a revista publicara unha serie de artigos de diferentes autores sobre o tema da escolarización en galego. Do interese que espertaran daba conta Antón Villar Ponte na súa sección “Con letra del siete” do 8 de xaneiro, baixo o título “Al margen de una encuesta”, que remataba dicindo:  “Nos redimirá la escuela o no nos redimirá nadie. Sin que esto quiera decir que no resulte urgente la creación de una Liga de Amigos del Idioma”-
Axiña contesta Ribalta no editorial do número de xaneiro: “No podemos seguir viviendo sin la galleguización de nuestra intelectualidad y de nuestra finanza, a no ser que nos resignemos a seguir siendo eternamente esclavos de nuestros actuales dominadores: los políticos, que son, en el fondo, los principales interesados en nuestro atraso”.
E nese mesmo número –no artigo “Liga de Amigos del Idioma”–  resume as teses de Villar Ponte e as diversas opinións dos números anteriores de Estudios Gallegos.
O rexionalismo, que semellaba recoller a voz da burguesía periférica, cargada de rexeneracionismo, contra a vella política, preséntase como a solución a todos os males.

Un ferrolán no xermolar das Irmandades

Te puede interesar