A dedicatoria do Día das Letras Galegas para o ferrolán Ricardo Carvalho Calero, obxectivo acadado en xuño pasado para o ano 2020, é unha vella reivindicación dunha mostra moi significativa do tecido asociativo da cidade.
Antes mesmo de que se cumprisen os dez anos de marxe entre o pasamento do homenaxeado e a súa escolla que establecen os estatutos da Real Academia Galega, entidades como a Fundaçom Artabria ou Medulio, entre outras, reclamaron para o polígrafo ferrolán o recoñecemento institucional do que xa gozaba a nivel social.
A Academia facía público o 22 de xuño pasado o comunicado co que se confirmaba o ruxe-ruxe dos últimos meses, pondo así o fin a un agravio que, como recoñece Miguel Toval, editor de Embora, semellaba non ter fin. “Eu mesmo pensaba que nunca se lle ía dedicar”. O feito de que o plenario da Academia rexistrase dúas candidaturas para unha mesma persoa non é tampouco unha situación normal.
Con todo, o recoñecemento xa é oficial e é a propia Embora a que ten tomado a iniciativa na produción editorial de materiais que teñen a Carvalho Calero como protagonista. Tanto, que os dous libros que até o de agora se teñen publicado sobre o profesor ferrolán levan o carimbo da editora local. “Non é”, confesa Toval, “unha decisión planificada; as propostas dos autores de ambos os dous libros son anteriores ao anuncio da RAG, mais si é certo que esa faceta encaixa dentro do que nós, como editorial ferrolá, debemos facer e do que é a nosa tradición, aínda que hoxe estea máis dirixida cara a outro tipo de materiais”, nomeadamente literatura infantil e xuvenil.
A publicación, polo tanto, de “Á sombra de María Silgar. Carvalho Calero contra a historia única”, de Xulio Pardo de Neyra, e de “Hei de entrar no meu povo: reivindicarmos Carvalho Calero” –coordinado por Xosé María Dobarro, Bernardo Máiz, Xosé Manuel Pazo e Vítor Santalha–, responde máis a “un interese previo que á oportunidade” do momento, explica o editor.
Esta dedicatoria, adianta Embora, traerá consigo para a editora unha mudanza no seu enfoque para o Día das Letras 2020. “Nunca participamos no mercado editorial desa efeméride, mais este ano si estamos preparando algo para o público infantil e xuvenil que vai estar listo a comezos do ano que vén”, adianta.
Non será esta a única participación de Embora nos actos que se desenvolverán nos vindeiros meses. En colaboración coa Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística e coa compañía de teatro Ghazafelhos, estase a preparar un espectáculo, baseado no conto “As pitas baixo a choiva”, xa publicado por Embora, para representar nas escolas.
As primeiras
“Á sombra de María Silgar. Carvalho Calero contra a historia única” e a coral “Hei de entrar no meu povo: reivindicarmos Carvalho Calero” son os dous títulos, os primeiros de todo o sector editorial galego, que xa están á venda nas librarías. Trátase de dous volumes de moi diferente xénero e concepción que contribúen a profundizar no coñecemento dunha das figuras máis decisivas para a cultura galega do século XX.
1. Un ensaio sobre a decisiva influencia da súa familia política nos seus comezos
O libro de Pardo de Neyra é un exhaustivo estudo respecto da influencia que a súa familia política exerceu na súa obra. Co subtítulo “Xénese e análise d´A xente da Barreira e Os señores da Pena”, o traballo é froito dunha investigación na que o autor constatou “a figura inspiradora e instigadora da súa sogra” e da súa muller, María Ignacia Ramos, de pseudónimo María Silgar.
Pardo de Neyra asegura que as dúas novelas, “A xente da Barreira” e “Os señores da Pena”, teñen unha gran relevancia na época da posguerra na que se concibiron porque, ademais de manifestar agradecemento cara á familia da muller, reflicten a transformación dunha clase social, a fidalguía.
“Coido que a influencia da familia política foi capital; é certo que as tres mulleres da casa dedicáronse a lle facer máis cómoda a vida a Carvalho, mais tamén o é que a súa afección polos estudos históricos está determinada pola súa muller”. “Non hai que esquecer”, afirma Pardo de Neyra, “que María Ignacia Ramos foi persoa destacada no Seminario de Estudos Galegos e que impartiu aulas de historia a moitas xeracións de lugueses e luguesas”.
En canto á decisión da RAG, o autor considera “unha vergoña” que o recoñecemento se adiase tanto. “É un filólogo inmenso, á altura, en canto a sona, de Menéndez Pidal, aínda que este estea por baixo de Carvalho no tocante aos estudos”, sostén antes de engadir que “a concesión do Día das Letras é un acto de xustiza, aínda que considere unha vergoña que se presentasen dúas candidaturas distintas para el mesmo”.
2. A obra colectiva que aborda a magnitude do homenaxeado
Xosé María Dobarro, Bernardo Máiz, Xosé Manuel Pazo e Vítor Santalha coordinan o libro “Hei de entrar no meu povo. Reivindicarmos Carvalho Calero”, un traballo que recolle diversos textos e material gráfico das campañas a prol de Carvalho que se desenvolveron nos últimos anos, principalmente o pasado.
Dobarro explica que o compromiso de Carvalho coa cultura galega “agromou de moi novo, tocándolle asumir cedo papeis moi relevantes” para os que, en moitos casos, o material preexistente era escaso.
Prologado pola súa filla María Victoria, o libro contén, entre outros textos, as ponencias de Bernardo Máiz –“Carvalho Calero e a política (1926-1990)”–; Henrique Dacosta –“Ricardo Carvalho Calero, o estudoso da literatura”– e de Xosé María Dobarro –“Lingüista por mor dunha causa”–, na que expón como a mediados dos 70 pasou a defender publicamente unha aproximación ao portugués que mantivo até o final.