Ferrol inicia o camiño para unirse ás cidades amigables das persoas maiores

Ferrol inicia o camiño para unirse ás cidades amigables das persoas maiores
O Concello prevé poder entrar na rede de cidades amigables cara a finais de ano | d.a.

O 36,6% da poboación de Ferrol ten máis de 60 anos. É a cidade máis avellentada de Galicia e entre as primeiras de España. Con esta estrutura poboacional, que onte detallaba a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez, en rolda de prensa, as persoas maiores teñen que ter un lugar primordial nas políticas públicas, tanto para apoialas nos problemas derivados da idade como para darlles o lugar que lles corresponde como cidadáns que son donos das súas vidas e das súas opinións. Por iso Ferrol porá en marcha un Plan de Envellecemento Saudable, o primeiro, que empeza cunha fase inicial de diagnose e, despois, de investigación cualitativa. O obxectivo é o de acadar unha cidade que se adapte cada vez máis ás persoas maiores, nun ciclo de mellora continua.

Este proxecto ten o seu eixo na transversalidade e na participación dos protagonistas: os maiores. Na fase de investigación poranse en marcha reunións e grupos de traballo para coñecer as súas opinións sobre os temas que lles interesan. Seguirase para iso o protocolo Vancouver, recomendado pola Organización Mundial da Saúde, que analiza oito áreas: transporte, vivenda, participación social, respecto e inclusión, participación cidadá e emprego, comunicación e información, servizos comunitarios e de saúde e, por último, espazos ao aire libre e edificios.

Isto implica a diversas áreas de traballo municipal, polo que é importante, subliñaba onte a concelleira, a coordinación entre elas. Búscase “unha actuación transversal e introducir a perspectiva do envellecemento activo e saudable na planificación global das políticas do Concello”, asegurou.



OMS


O I Plan de Envellecemento Saudable de Ferrol estará listo, segundo as previsións municipais, en catro meses, e permitirá solicitar o ingreso na rede de Cidades Amigables das Persoas Maiores, vencellada á Organización Mundial da Saúde. En Galicia forman parte dela seis municipios, dos que dous están na provincia: Ames e Santiago. Prevese que Ferrol poida estar incluída a final de ano.

As cidades amigables dos maiores son entornos libres de barreiras físicas e sociais para promover a saúde e construír e manter a capacidade física e mental durante toda a vida, ademais de permitir á xente, aínda que perdan facultades, continuar facendo cousas que valoran. Para iso deben tomarse medidas apoiadas por políticas, sistemas, servizos, produtos e tecnoloxías.

O seguinte paso será a aplicación do plan de acción para o período 2022-2026, que ademais cumpre cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 de Nacións Unidas.

Trátase “dun dos proxectos máis ambiciosos dos que levamos iniciados desde o principio deste mandato”, apuntaba onte Martínez Montero na presentación do Plan de Envellecemento. “As persoas maiores son obxectivo prioritario das nosas políticas”.

Martínez Montero lembrou ademais outras accións dirixidas aos maiores que se puxeron en marcha, como as visitas guiadas de Ferrol A Modo (no que aínda quedan catro saídas), a musicoterapia ou a actividade nos parques biosaudables, entre outras. 

Ferrol inicia o camiño para unirse ás cidades amigables das persoas maiores

Te puede interesar