Ferrol celebrará o Día das Letras Galegas en Valón con música e varios espectáculos infantís

A AVV Cruceiro de Valón é este ano a encargada de organizar a celebración das Letras Galegas no concello de Ferrol, dentro da rotación que se fai pola agrupación da zona rural e que terá lugar este venres.

O programa, que onte foi presentado polo concelleiro de Participación e Normalización, Álvaro Montes, xunto a Manuel Sendón e Cristina Mariño –encargada de presentar e dinamizar o acto–, dará comezo ás 11.30 horas cun contacontos ilustrado de Antón Fraguas con música, para ás 12.30 horas abrir paso ao espectáculo infantil “As Parábolas de Pakolas”. Pola tarde, a música será a gran protagonista. Así, ás 17.15 horas actuará a Coral Polifónica Armonía, ás que seguirá, ás 18.00 horas, o grupo Encrucillada, e ás 19.00 horas o Real Coro Toxos e Froles.

Coa finalidade de facilitar o acceso da cidadanía aos actos, facilitarase transporte gratuíto. As saídas terán lugar ás 10.30 e 16.30 horas desde a praza do Inferniño (fronte ao Centro Cívico) e desde Doniños e Esmelle.

Os regresos serán ás 13.30 e 20.30 horas desde Valón á praza do Inferniño e a Doniños e Esmelle, tal e como se informou.

Ferrol celebrará o Día das Letras Galegas en Valón con música e varios espectáculos infantís

Te puede interesar