Os Feneses gañan o concurso de gaita e percusión do Toxos

Os Feneses gañan o concurso de gaita e percusión do Toxos
O dúo naronés LuscoFusco, durante a súa actuación j.m.

O dúo Os Feneses, integrado polo gaiteiro Serafín Santamariña e a pandereteira Mar Alvariño, os dous de 16 anos,  gañou onte a terceira edición do concurso para gaita e percusión que organiza o Real Coro Toxos e Froles, e que se dirixe a menores de idade. Foron os mellores segundo o criterio dun xurado que decidiu entre o bo facer de cinco parellas. Nesta ocasión, de Ferrolterra tamén se contou coa participación de LuscoFusco (desde Narón) e con Gabaxeiros da Castela (de Ferrol). Ademais, repetiron experiencia os gañadores do ano pasado, os Furafoles de Xinzo de Limia, e tamén se achegaron ata a sede do Toxos, desde Muxía, o dúo Do Vendaval.
Os Feneses foron os últimos en tocar e interpretaron a peza “Sanmarelo” e a “Xota da Fonsagrada”, dúas composicións con ritmos moi diferentes nos que deixaron clara a súa afinación, destreza e complicidade. Ambos rapaces forman parte da banda de gaitas Airiños de Fene. Santamariña, ademais, estuda con Daniel Bellón e tamén acordeón e gaita no Conservatorio. Este verán foi finalista do concurso para gaita solista do Ateneo, o Constantino Bellón.
O premio consiste nunha recompensa económica de 500 euros e tamén nun saco de insonorización para gaita, da empresa Insogaita. Nel introdúcese o punteiro e iso permite ensaiar cun volume menor ó habitual.
O xurado do concurso formárono Arturo Lamas, presidente do Toxos, gaiteiro, e mestre de gaita na entidade; Fernando Dopico, tamén gaiteiro e mestre; e Andrés Teijeiro, membro do Real Coro. Durante a súa deliberación actuou no salón de actos do edificio da rúa Magdalena o cuarteto ferrolán Xente Nova, que este mesmo ano se proclamou gañador do concurso para este tipo de formacións, tamén promovido polo Toxos. Acabaron facendo incluso cantar ós alí presentes, ducias de persoas que ateigaban a sala e que daban calor ós rapaces concursantes, algúns de 13 e 14 anos.
O ronsel de pezas e de traxes tradicionais de distintos lugares de Galicia (pois con eles se vestían os participantes) rematou coa entrega de diplomas, o aplaudido fallo do xurado e unha nova interpretación por parte dos gañadores.
Para o Toxos, como se encargou de lembrar o presentador do acto, Eliseo Zaera, este concurso “é unha forma de que todos estes rapaces, coa mesma idade de cando nós empezamos, teñan un aliciente para seguir no mundo da música tradicional”.

Os Feneses gañan o concurso de gaita e percusión do Toxos

Te puede interesar