Fene celebra o 30 aniversario do Museo do Humor cun ciclo de monólogos cómicos

Fene celebra o 30 aniversario do Museo do Humor cun ciclo de monólogos cómicos
Diario de Ferrol-2014-11-03-007-704b9cc2_1

O Museo de Humor celebra este 2014 o seu trinta aniversario e con este motivo organizáronse ó longo de todo o ano diversas actividades en Fene. En novembro o calendario aprétase e haberá un ciclo de cinco monólogos cómicos, ademais dunha xornada central, o luns 24 de novembro, na que se inaugurará a exposición de caricaturas “Pola cara”. Tamén ese día o debuxante David Pintor impartirá un obradoiro para maiores de dez anos co título “Seguro que sabes o que é unha caricatura?” (a inscrición pode facerse no teléfono 981 342 400). Será tamén o 24 cando se presente un cartafol conmemorativo do 30 aniversario do Museo do Humor, que terá unha tiraxe limitada e no que se recollen litografías de distintos humoristas gráficos.
O ciclo de monólogos comezará o venres 7 con Manuel Manquiña. “Que hacer con la gente molesta” é o título da función que se poderá ver na Casa da Cultura a partir das oito da tarde. As entradas para esta actuación, como as do resto do mes, poranse á venda o mesmo día a partir das catro da tarde. O aforo do auditorio é limitado.
Evaristo Calvo co seu espectáculo “O turista madrileño”, co que fai un divertido repaso ós tópicos asociados cos veraneantes, chegará a Fene o venres 14. Para o 21 agárdase a Isi, coñecido cómico con gran presenza na Televisión de Galicia que achegará ós feneses a obra “Precisamente Isi”.
O luns 24, día no que se levará adiante o obradoiro de David Pintor, se inaugurará a exposición “Pola cara” e se presentará o cartafol, tamén haberá espectáculo teatral. Será Isabel Risco quen se encargue de abraiar ó público cos superpoderes da súa “Nabiza Girl”.
O ciclo de monólogos, que leva por título “As risas son boas”, rematará o venres 28 con Viriscrón e o seu “Sobre o desamor e outras mariconadas”.

photocall
Nos últimos meses houbo varias propostas desde o Concello de Fene para lembrar o importante aniversario do Museo do Humor. A espectáculos teatrais e exposición sumouse tamén un “photocall” viaxeiro que se colocou nos lugares nos que se celebraba algún evento multitudinario. Alí a xente sacaba as súas fotos que despois se subían ó Facebook do Museo. Ademais deseñouse un logotipo especial, obra de José Manuel García Ramos.

Fene celebra o 30 aniversario do Museo do Humor cun ciclo de monólogos cómicos

Te puede interesar