A Federación de Anpas anima ás familias á sumarse á insubmisión á realización das “reválidas”

A Federación de Anpas anima ás familias á sumarse á insubmisión á realización das “reválidas”
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-8b503f65

A Federación de Anpas de centros públicos de Ferrolterra convocou para o vindeiro martes, día 10 –ás 20.00 horas diante do edificio administrativo da Xunta na praza de España–, a primeira das concentracións fixadas na cidade naval para protestar contra a Lomce en xeral e as probas de avaliación contempladas na lei en particular.
A protesta terá lugar na véspera do inicio da coñecida como  “reválida” para os alumnos de sexto de Primaria, que desde o mércores e ata o venres terán que realizar as diferentes probas encamiñadas, segundo especifica a Consellería de Educación, a medir as súas destrezas e competencias en comunicación lingüística (avaliada por separado en castelán, galego e inglés); matemática; e científica e tecnolóxica.
Desde Feanpas Ferrolterra animan ás familias “a sumarse á insubmisión á realización destas probas”, sinalan, xa que, ao seu xuízo, van na liña dunha lei educativa “mercantilista, pensada exclusivamente para o mercado laboral, que clasifica aos alumnso prematuramente e que incrementa a exclusión do alumnado máis desfavorecido”, comenta o presidente da Feanpas Javier Sánchez.
“Para os alumnos, supoñen ademais unha presión enorme, pois son probas que se parecen a calquera outro proceso de oposición ou selección, desenvolvida ademais por profesores descoñecidos para os propios alumnos”, engade.
Desde o colectivo consideran tamén que este novo sistema de avaliación incorporado na Lomce, lei aprobada polo Partido Popular e que tantas críticas suscitou entre gran parte da comunidade educativa, suporá unha “clasificación dos centros e  unha competición (mal entendida) entre os mesmos”.

neutralización
Pensan así mesmo que neutralizarán as novas iniciativas metodolóxicas dos centros que apostan por proxectos educativos que respectan os ritmos de aprendizaxe e desenvolven os currículos prestando gran atención ás intelixencias múltiples, “xa que o modelo de reválida privilexia os contidos, ignora moitas das competencias clave e introduce obstáculos no progreso da formación o alumnado”, manifestan.
Logo das probas desta semana para os alumnos de sexto, os días 24 e 25 de maio será o turno para as dirixidas ao alumnado de terceiro curso de Primaria. Neste caso, a Feanpas celebrará tamén o día antes (luns 23) outra concentración de protesta na cidade ferrolá.
As probas nestes dous niveis educativos non terán efectos no expediente académico do alumnado, como sucede no caso das contempladas en ESO e Bacharelato, que si condicionarán a obtención ou non do título académico nos devanditos niveis.
Nesta semana que conclúe, a Federación de Anpas de Ferrolterra celebrou varias charlas en concellos como Ferrol, Narón e Valdoviño para informar ás familias sobre o devandito procedemento de avaliación que dará comezo a vindeira semana.

A Federación de Anpas anima ás familias á sumarse á insubmisión á realización das “reválidas”

Te puede interesar