Viernes 18.01.2019

A explosión da polvoreira de Caranza (I)

Os ingleses tiñan moito interese en destruír estas instalacións porque nelas se aprovisionaban regularmente, os submarinos alemáns, aproveitando a escuridade da noite.

Tripulantes do U-760 na base de A Graña no ano 1943
Tripulantes do U-760 na base de A Graña no ano 1943

Os ingleses tiñan moito interese en destruír estas instalacións porque nelas se aprovisionaban regularmente, os submarinos alemáns, aproveitando a escuridade da noite. Tamén funcionaba unha emisora militar alemá instalada no petroleiro Max Albrech, permanentemente ancorado fronte á boia da Graña onde os barcos ían compensar agullas e na ría fondearon o Nort Atlántic e o vapor italiano Edera, contra o que o os servizos segredos frustaron unha sabotaxe en Xaneiro de 1943. O sabotador era un tal Ángel Fernández, “de 40 anos, 1,75 de altura, moreno y que viajaba con una artista de varietés de 24 años, de nombre Ana María”.
O papel da base naval de Ferrol na SGM foi eufemisticamente cualificado por algún militar como un apeadero logístico camuflado. Normalmente, os submarinos alemáns cargaban combustible no Max Albrecht e retirábanse á base de camuflaxe do Prado de Caranza. Esta era teoricamente unha extensa granxa de varias hectáreas con granxas de animais e un campo de futbol onde xogaba os seus partidos o Racing de Ferrol. Tiña entrada dende a ría, na desembocadura do río do Tronco, actualmente canalizado baixo terra. O lugar estaba rodeado por un valado polo que non podían ser vistos dende fóra. Esta zona, tras ampliar a súa superficie mediante recheos, está actualmente ocupada pola ESENGRA. Polas noites, atracaban no peirao das polvoreiras de Caranza, na península do Móntón. As tripulacións alemás pasaban a noite na Escola de Aprendices, dentro do recinto da Construtora Naval (actualmente Navantia) e os ferrolanos recordan a presenza nas nosas rúas dos seus tripulantes, xenta nova e louros case todos eles. 
As frecuentes e regulares visitas dos dous espías a Ferrol nos primeiros meses de 1943, coinciden cun espectacular incremento das actividades do Intelligence Service en Ferrol, segundo detectou o Servizo de Información Naval da Zona Marítima do Cantábrico. Así, en Febreiro de 1943, Emilio Entero Cataneo, capitán da aviación republicana e inventor dunha espoleta de bomba que funcionaba con magníficos resultados, viño a Ferrol a facerse cargo dun taller de pirotecnia situado en Maniños, un barrio da veciña localidade de Fene. Aproveitando esta circunstancia chegara a un acordo cos británicos para que o sacasen de España. A actividades dos membros da espionaxe aliada, especialmente os desenvolvidas por persoas de condición diplomática, eran moi difíciles de evitar pola contraespionaxe española pola carencia de medios, especialmente vehículos que puidesen medirse cos poderosos coches de importación usados baixo bandeira diplomática.
En febreiro de 1943, o almirante capitán xeral do Departamento Marítimo de Ferrol, Francisco Moreno, mandou un escrito ao Ministro de Mariña recoñecendo que “hay numerosos agentes del servicio secreto norteamericano por todo el litoral del  Departamento” e achegaba unha copia do cuestionario distribuído a estes axentes. Ignoro como conseguiu este cuestionario e se operaban dúas redes de espionaxe de xeito paralelo. Isto é algo que se me escapa no momento actual das miñas investigacións, pero o caso é que xa temos unha recollida de datos (instalacións na Ría de Ferrol, peiraos e peiraos, mareas, etc) necesaria para planear a operación de sabotaxe que finalmente, se produciu o 22 de xuño de 1943.
Ademais, no Tercio Norte de Infantería de Marina, no Rexemento de Artillaría e no Cuartel de Enxeñeiros, funcionaban células do Partido Comunista. A primeira estaba dirixida por Carlos Allegue Caruncho, militar profesional, a segunda por Baldomero Lage, o escribente e secretario do propio coronel e no caso do cuartel de enxeñeiros por Antonio Castro López.
Antonio Ares Abelleira, coñecido enlace da guerrilla antifranquista, contoume coa maior naturalidade do mundo, que a explosión da polvoreira foi obra da espionaxe inglesa, co que colaboraban a través dun oficial de artillaría co que contactaba Sol Bértalo, outro enlace da guerrilla. Tamén me dixo que a guerrilla o puxo como condición que non debía haber mortos. Todo isto contoumo antes de que se abrisen á investigación os arquivos militares relacionados coa rede de espionaxe.

Comentarios