Exitosa estrea no Jofre da obra “As pitas baixo a choiva” de Ghazafelhos

Exitosa estrea no Jofre da obra “As pitas baixo a choiva” de Ghazafelhos
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-7704cf0b

Logo de moitos meses de traballo, o ambicioso proxecto impulsado desde a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra –xunto á editorial Embora e a colaboración do Concello de Ferrol– arredor da figura de Carvalho Calero púxose en marcha o pasado domingo coa estrea da obra de teatro “As pitas baixo a choiva”.

Trátase dunha adaptación de Pepablo Patinho (Teatro dos Ghazafelhos) baseado no conto homónimo e nas obras “A xente da Barreira” e “Aos amores serodios” do ilustre profesor e escritor ferrolán.

A peza constitúe unha das patas dunha iniciativa que inclúe ademais a edición dun libro-disco coa banda sonora composta para a obra así como unha unidade didáctica sobre o profesor e escritor ferrolán ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

A estrea do domingo contou co respaldo do público, que encheu o aforo do Jofre para gozar dunha montaxe protagonizada polos actores de Ghazafelhos: o propio Pepablo Patinho, Jorge Casas, Montse Piñón e Pablo Sánchez.

Contou tamén esta primeira función con música en directo, interpretada polo coro “Son do Sofía”, do IES Sofía Casanova, e outros músicos da zona que quixeron achegar o seu gran de area a este interesante proxecto coa súa participación na banda sonora da obra, temas que forman parte do cedé que acompaña ao libro.

Patinho amosaba onte a súa satisfacción pola resposta do público á cita do domingo e cualificou de “fascinante” o proceso de creación desta montaxe. “Eu non coñecía estes textos de Carvalho Calero e gustáronme moito”, salientou. O grupo teatral ten xa pechadas varias datas en diferentes lugares da comunidade para representar “As pitas baixo a choiva” e achegar así aos pequenos e pequenas a obra de Carvalo Calero.

A peza incluirase tamén no ciclo “Teatro con G” organizado un ano máis desde a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra e dirixido aos estudantes dos centros educativos da comarca.

Unidade didáctica
O presidente da devandita asociación, Xil López, amosaba tamén onte a súa ledicia pola boa acollida da estrea do domingo.

Explicou tamén que xa está completamente rematada a unidade didáctica, que inclúe moitos detalles da vida do escritor homenaxeado e que supón unha boa ferramenta para traballar cos escolares O historiador Miguel García foi o encargado de elaborar a biografía de Carvalho Calero adaptada ao alumnado.

Exitosa estrea no Jofre da obra “As pitas baixo a choiva” de Ghazafelhos

Te puede interesar