Os espectáculos do Pazo da Cultura de Narón atraeron a máis de 31.600 persoas no primeiro semestre

Os espectáculos do Pazo da Cultura de Narón atraeron a máis de 31.600 persoas no primeiro semestre
Pazo da Cultura de Narón. Teatro con Touriñán y Carlos Blanco

Os sesenta espectáculos programados polo Padroado de Cultura de Narón durante os seis primeiros meses do ano levaron ao Pazo a máis de 31.600 espectadoras e espectadores, cifras que converten á oitava cidade de Galicia, manifestou a súa alcaldesa, Marián Ferreiro, “nun referente cultural non só na comarca, senón tamén noutros concellos grazas á contratacións de espectáculos de primeiro nivel”. 

Ferreiro cualificou o balance da primeira metade do ano de “moi positivo”, tendo en conta que a media de público en cada un dos espectáculos rozou os 530 asistentes e a de recadación, algo por riba dos 3.500 euros en cada sesión.

Como termómetro da “grande aceptación e calidade” da programación do Pazo, a rexedora naronesa apuntou o feito de que se esgotasen as entradas para varios espectáculos, como foi o caso do concerto de Víctor Manuel no mes de xaneiro, no que presentou o seu disco “Casi nada está en su sitio; os tres pases da comedia “Somos criminais”, de Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco –tamén en xaneiro–; e o musical “Remember Queen” en abril.

A primeira edil de Narón tamén destacou a aposta pola diversificación das propostas culturais do Pazo, “con espectáculos moi variados dirixidos a diversos perfís de público” e, paralelamente”, dando continuidade a citas “xa consolidadas”, como é o caso do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular, que camiña xa cara a quinta edición.

A programación do último cuatrimestre do ano no Pazo principia precisamente a vindeira semana co novo espectáculo de Touriñán e Carlos Blanco, “Unha noite na praia”, para o que xa están esgotadas as entradas dos tres pases, é dicir, do venres, sábado e domingo. 

Ata decembro haberá 25 espectáculos. Un deles é o concerto de Jorge Drexler o 12 de outubro, para o que aínda quedan entradas á venda.

Os espectáculos do Pazo da Cultura de Narón atraeron a máis de 31.600 persoas no primeiro semestre

Te puede interesar