A “Escolma Salvaxe” resume seis anos de poesía ética e estética en Ferrol

No sinxelo título “Escolma Salvaxe. Ferrol 2007-2013” resúmese o produto editorial dos primeros seis anos de vida da Semana da Poesía Salvaxe, un evento insólito que desde hai sete anos reúne na cidade a poetas de Galicia, España e Portugal e que, fóra de Ferrol, goza dun espectacular prestixio.

A “Escolma Salvaxe” resume seis anos de poesía ética e estética en Ferrol
Imaxe dos participantes na pasada edición da Poesía Salvaxe tras un recital no bar Cazadores	luis polo
Imaxe dos participantes na pasada edición da Poesía Salvaxe tras un recital no bar Cazadores luis polo

No sinxelo título “Escolma Salvaxe. Ferrol 2007-2013” resúmese o produto editorial dos primeros seis anos de vida da Semana da Poesía Salvaxe, un evento insólito que desde hai sete anos reúne na cidade a poetas de Galicia, España e Portugal e que, fóra de Ferrol, goza dun espectacular prestixio. Un traballo autoeditado baixo a dirección de Karlotti e Guillermo Ferrández, con portada de Pepe Pose, no que se citan ao longo de 400 páxinas máis de 40 poetas diversos só unidos por participar na cita ferrolá.
A presentación do volume terá lugar o próximo xoves día 11 ás 20.00 horas no Ateneo Ferrolán. O acto contará cos profesores e animadores sociais José Torregrosa e Miguel Castro e non faltarán moitos dos poetas escolmados así como actuacións musicais a cargo de Manolo Bacalhau e Roger de Flor.

Latido testemuñal
“A escolma resume o latido poético do país nestes anos. Queda como testemuño dun feito que uniu a poetas moi diferentes  en Ferrol. Unha poesía como exercicio de compromiso social, que se adiantou a tantas cousas como viñeron despois, pero tamén estético. Aquí hai escritores existencialistas e surrealistas como o gran Carlos Oroza, pero outros clásicos como Chus Pato ou Tomás Segovia”, destaca Guillermo Ferrández. Un dos organizadores da Semana da Poesía Salvaxe que asume algunha sorpresa: “Para min foi unha revelación a poesía das mulleres nestes anos. Olalla Cociña, María do Cebreiro e tantas outras, facendo unha poesía carnal e moi auténtica”.
Pola súa banda, para Karlotti, o esencial é “que Ferrol uniu a todos estes poetas e que de aquí sae esta escolma tan transversal e estilo, idades e procedencias de toda a Península Ibérica. Unha xente que foi tan xenerosa...!”.
O volume venderase a un prezo de 15 euros para organizar a edición de 2015 da Semana da Poesía Salvaxe, xa a oitava. Un evento para o que hai tempo que non contan con ningunha axuda institucional. “Non importa. Entre o 23 e 25 de abril volveremos ás rúas”, anuncian.