A Escola de Teatro de Narón reúne este ano a un total de 230 persoas

A Escola de Teatro de Narón reúne este ano a un total de 230 persoas
Os alumnos da Escola de Teatro de Narón foron convocados para participar no acto de apertura do curso | daniel alexandre

O Concello de Narón é desde hai anos un claro referente no eido das artes escénicas. Moitas son as personas que ano tras ano se achegan a estas actividades da man das diferentes propostas artelladas desde o Padroado da Cultura de Narón a través da Escola de Teatro.
A iniciativa inaugurou onte un novo curso coa celebración dun acto que reuniu ao alumnado e que tamén contou coa participación do xornalista e escritor Nicolás Castellano, o novelista e dramaturgo Antonio Lozano e o produtor teatral e director de escena Mario Vega. Os tres participaron nunha mesa redonda que se desenvolveu baixo o título “Mocidade: teatro e realidade social”, á que seguiu unha charla co alumnado.
A Escola de Teatro de Narón conta este curso con 230 matriculados. Destes, un total de 71 participan na actividade da Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores (que inclúe tres cursos académicos e o Practicum). Os 159 restantes son alumnos dalgún dos nove obradoiros municipais de teatro ofertados (infantil, xuvenil e de persoas adultas).
 

Novidades
Entre as novidades deste curso da Escola de Teatro de Narón, segundo informou a presidenta do Padroado da Cultura e alcaldesa da localidade, Marián Ferreiro, está previsto poñer en marcha unha nova liña de actuación, que consistirá en cursos especializados de teatro e interpretación.
No encontro celebrado onte os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer o traballo dos poñentes, así como de obter unha visión completa do percorrido que fai chegar ao público teatral esta realidade, partindo da nova e a través da documentación e elaboración do texto por parte do dramaturgo, ata chegar ao proceso de producción para poñer en escena o espectáculo.
Os participantes na mesa redonda de onte están moi vencellados ao drama derivado da inmigración africana, un tema que logo do acto de apertura do novo curso da Escola naronés tivo continuidade no Café Teatro do Pazo da Cultura.

Presentacións
Alí, Nicolás Castellanos e Antonio Lozano, presentaron os seus respectivos libros “Me llamo Adou” e “Eu son Suleiman”, nos que abordan as penosas condicións que padecen os migrantes, que se ven obrigados a saír da súa terra e afastarse das súas familias na busca dun futuro mellor.
Esta cita enmarcouse nas actividades da XXXIII Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil programada a través do Padroado da Cultura de Narón e que inclúe representacións para máis de 6.000 escolares de centros de ensino de Narón e comarca. l

A Escola de Teatro de Narón reúne este ano a un total de 230 persoas

Te puede interesar