Miércoles 22.05.2019

“Emilia” e “Tanatorium”, dúas novas propostas do Festival “Singular” no Pazo da Cultura

Teatro del Barrio ofrece mañá a peza centrada na figura da novelista galega e o sábado Félix Albo tomará o escenario

Pilar Gómez ponse na pel de Pardo Bazán
Pilar Gómez ponse na pel de Pardo Bazán

O Festival Internacional do Monólogo Teatral “Singular”, impulsado polo Padroado da Cultura de Narón, regresa esta fin de semana ao Pazo da Cultura con dous novos espectáculos. O primeiro terá lugar mañá venres, ás 20.30 horas, coa representación da peza “Emilia”, da compañía Teatro del Barrio.

A peza céntrase na figura da novelista galega Emilia Pardo Bazán, que a finais do século XIX empeñouse en ser ela mesma e apostar pola súa vontade de escribir e participar activamente na vida pública. Pilar Gómez –Premio Max 2018 á Mellor Actriz– porase na pel desta muller, reprobada por moitos dos seus contemporáneos por querer ingresar na Real Academia Española pero tamén admirada por outros.

Este monólogo é o primeiro dunha triloxía de Teatro El Barrio, que se centra en varias mulleres relevantes que loitaron pola igualdade de dereitos na sociedade.

O sábado, pola súa banda, será a quenda, ás 20.00 horas, para “Tanatorium”, de Félix Albo (Comunidade valenciana). Trátase da historia dun home que entra no vestíbulo dun tanatorio e xusto nese momento vaise a luz. Na escuridade inicia un soliloquio percorrendo distintas vidas ata chegar á súa.

O público poderá escoitar disparatadas situacións protagonizadas por “adolescentes desnortados con moto, un tío avó coa súa parella de Almansa...”.

As entradas dispoñibles están á venda na billeteira do Pazo e na web do Padroado da Cultura www.padroadodecultura.es, a un prezo de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante.

Derradeira cita
A cuarta edición do Festival Internacional do monólogo teatral Singular rematará o día 29 de marzo co espectáculo “Anatomía dunha serea”, da compañía galega Mona Productora, que se poderá ver a partir das 20.00 horas.

Iria Pinheiro protagoniza este espectáculo, centrado na violencia obstétrica durante e despois dun embarazo. Esta peza de teatro documental construiuse sobre a memoria e a experiencia persoal da actriz que a protagoniza.

Comentarios