Un documental fantasea coa existencia dun “monstro” no lago das Pontes

Un documental fantasea coa existencia dun “monstro” no lago das Pontes
Fotograma deste traballo colectivo que trata con humor un tema de debate

Se alá polo ano 1996 As Pontes fíxose famosa en toda España pola suposta aparicións de ovnis sobre o seu ceo, agora os Íker Jiménez de turno poderían recuperar o seu interese na vila pontesa debido a un “suposto” caso de criptozooloxía. “Eu tamén o vin. Moi pronto halo ver ti”. Con este enigmático eslogan un grupo de cineastas locais anuncia a presentación dun documental que fantasea coa posibilidade da existencia dun monstro, de nome Endesi, no lago das Pontes onde antes había unha mina a ceo aberto.
Segundo o equipo de “Operación lago”, que así se chama o traballo, a cinta “ten o aspecto dunha reportaxe das que se emiten en Informe Semanal ou en Callejeros. Inclúe os testemuños de cinco persoas que dan a súa opinión sobre a existencia ou non do mostro”.

entre a ironía e a parodia
Xa máis en serio, este equipo de cineastas locais adianta o transfondo desta broma. “Cando comezamos a rodaxe do traballo  había un interese por coñecer a relación dos veciños co lago. Xente encantada porque pensaba que sería un reclamo económico para a vila e todo o xustificaba en función diso. Outros, porén, eran máis críticos sobre as vantaxes que nos suporía. A partir de aí naceu esta historia entre a ironía e a parodia. A peli ten un ton de reportaxe xornalística e intenta recoller as diferentes opinións en torno da cuestión”.
Sen querer desvelar o final, que se coñecerá na estrea do día 28, adiantan que “está filmada como unha historia distópica en 2023 a modo de balance tras un suceso terrible que afecta á mina e fai que a actuación turística e económica quede no aire”.
“Esteticamente, –adiantan–, a historia ten un aire de realismo máxico ao integrar vídeos sacados de contexto e non relacionados co lago das Pontes mais que se integran na narración para ilustrar unha situación que se dá por real. As historias das personas que interveñen son esaxeracións sobre ese tema irreal, mais teñen relación directa co debate que se tivo sempre nas Pontes sobre o lago e as posibilidades que había traer á nosa vila”.
Tras dous anos de realización, a película “retrasou a súa estrea porque moitos de nós apenas nos vemos. Vivimos en Finlandia, Madrid, Sevilla e incluso nas Pontes, e xuntarse para traballar non é doado. Finalmente conseguimos montalo hai seis meses e estrearémolo o próximo día 28 de decembro no Lar de Endesa, que non puxo ningún problema para facelo alí”.
No Facebook (www.facebook.com/eutamenovin) vase adiantando informacións e fragmentos da película de aquí á estrea. Para os autores “está a ser unha sorpresa a boa acollida que tivo a páxina, con máis de 300 persoas que se subscribiron nos primeiros tres días sen saber de que ía. Para nós, é unha mostra de que a xente ten interese por puntos de vista alternativos á visión institucional do lago como unha fonte de riqueza infinita agora que a central vai ir pouco a pouco perdendo importancia na economía local. O certo é que non vemos un plan definido para o lago e calquera proxecto, por tolo que pareza, se pode plantexar como unha realidade sen ter en conta que os soños son só iso. Aí están Eurovegas e demais historias que nos venden como a solución a todos os problemas pero que teñen máis de ilusión que de base sustentable para o futuro”.

Un documental fantasea coa existencia dun “monstro” no lago das Pontes

Te puede interesar