Doce agrupacións animarán hoxe a vila de Pontedeume cos seus variados cantos de taberna

Doce agrupacións animarán hoxe a vila de Pontedeume cos seus variados cantos de taberna
Os grupos ambientarán diferentes locais de hostalería da vila | jorge meis

Unha ducia de grupos de diferentes puntos da xeografía galega animarán a xornada de hoxe en Pontedeume no marco da celebración da segunda edición dos Cantos de Taberna, cita organizada pola Asociación Cultural Airiños do Eume. As formacións participantes ambientarán diferentes locais de hostalería da vila coa música e letras de pezas tradicionais populares.
Haberá dous pases, o primeiro entre as 12.00 e 15.00 horas e o segundo de 19.00 a 22.00 horas. A xornada non concluirá aí, xa que logo do remate do programa no que os cantos de taberna serán os protagonistas, a música continuará co concerto na Alameda de Raxoi dos grupos de folk de Ferrolterra Encrucillada e Lenda Ártabra, este último a través do ciclo Cultura no Camiño, tal e como explican desde a organización.

Ademais de compartir pezas e percorridos polas rúas da vila, os grupos participantes terán oportunidade de compartir un xantar, que terá lugar tralo pase da mañá, e que será o nexo de unión entre as formacións, cuxo obxectivo non é outro que gozar da xornada arredor desta tradición musical galega.
No programa, que conta coa colaboración do Concello de Pontedeume, participan as seguintes agrupacións: Son d’aquí, Birloque Gaiteiros, A Fuliada e Grupo de Gaitas Xebre –os catro da Coruña -; Aires de Sigrás de Cambre; Os Feroces da Galgueira de As Pontes; Gaita Escola de Mondoñedo; Cantareiros do Naval (Oleiros); ConCunchas (comarca do Eume); Os Xotas, de Ferrol; Os Sobraos de Bergondo; e os anfitrións, Airiños do Eume.
“Como se pode observar, nin variedade nin calidade musical van faltar para amenizar a que se agarda sexa unha gran xornada de tradición galega na vila de Pontedeume”, salientan desde a entidade impulsora da cita.

Doce agrupacións animarán hoxe a vila de Pontedeume cos seus variados cantos de taberna

Te puede interesar