Miércoles 26.06.2019

A Deputación presenta o volume sobre a traxectoria artística de Patinha

Desde onte a Deputación da Coruña inclúe no seu prestixiso catálogo de libros artísticos “Manuel Patinha”, un voluminoso traballo sobre o creador luso galaico, editado dentro da colección “Grandes Pintores”.

Manuel Patinha, onte asinando exemplares da súa biografía creadora
Manuel Patinha, onte asinando exemplares da súa biografía creadora

Desde onte a Deputación da Coruña inclúe no seu prestixiso catálogo de libros artísticos “Manuel Patinha”, un voluminoso traballo sobre o creador luso galaico, editado dentro da colección “Grandes Pintores”.
A sede da entidade provincial acolleu así o acto presidido polo titular da institución provincial, Diego Calvo, que foi o encargado de introducir o porqué da publicación desta magna obra: “Ante un creador tan versátil e fértil, con achegas nacidas, como el mesmo di, desde o máis profundo do seu sangue, nesta Deputación tivemos sempre claro que Manuel Patinha se merecía un espazo na nosa colección de grandes pintores”.
Nun emotivo encontro ao que asistiron medio cento de artistas, compañeiros Patinha e representantes das artes plásticas da provincia, Calvo agradeceu ao creador afincado actualmente en Monte Curuto “esa liberdade” que demostra en cada unha das súas obras”.
Dous dos autores dos diversos  textos que figuran no volume, a profesora Eva Ocampo e o crítico Pedro Taboada, acompañaron a Manuel Patinha na presentación deste traballo divulgativo sobre toda unha vida de creación plástica. Todos os participantes na presentación coincidiron en destacar a influenza que exerceron na obra de Patinha os seus “mecenas”, ese matrimonio naronés formado por Álvaro e Divina que, de xeito desinteresado e cando o artista sufriu un duro revés persoal, acollérono na súa casa e déronlle o que máis desexa un creador: un espazo onde traballar con comodidade.
Así, a lembranza de Álvaro García Acción, falecido o pasado ano e a quen vai dedicado o libro, foi unha referencia constante durante toda a presentación dunha obra que, segundo Eva Ocampo, “recolle toda a traxectoria vital e artística dun home prolífico como poucos”.
Pola súa banda, Manuel Patinha mostrouse agradecido á Deputación pola publicación deste libro, elaborado a partir de seis grandes eixos: “Reseña bibliográfica”, “Patinha pintor”, “Patinha escultor”, “Escultura pública”, “Escultura conmemorativa do 800 aniversario da Catedral de Santiago”, “Currículum” e “Textos en portugués”.

Comentarios