sábado 19/9/20

A Deputación acorda iniciar as xestións para transferir o Centro de Menores á Xunta

Quere que a administración autonómica sosteña tamén outros catro espazos educativos e sociais
A proposta saíu adiante no pleno do venres pasado | cedida
A proposta saíu adiante no pleno do venres pasado | cedida

A Deputación da Coruña acordou no seu último pleno, a través dunha moción presentada polo PSOE e polo BNG, iniciar os trámites para que cinco centros de ensino e asistenciais que son de titularidade provincial pasen a mans da Xunta. Neles inclúese o Centro de Menores de Ferrol. Ademais, a institución está a cargo do Fogar Infantil Emilio Romay e do Conservatorio Profesional de Danza, na Coruña, e dos IES Puga Ramón e Residencia Calvo Sotelo.

O mantemento destes centros suponlle á Deputación un custe de 14 millóns de euros, fronte a unha aportación da Xunta de 900.000, segundo os datos facilitados polo organismo provincial. Entenden desde os partidos que o gobernan (e que presentaron a moción), que as competencias educativas e sociais son autonómicas e que polo tanto deben ser as correspondentes consellerías as que se fagan cargo. Mentres tanto, solicitan un novo convenio que garanta o trasvase de fondos necesario para cubrir os custos destes centros.

A moción saíu adiante co voto favorable de PSOE, BNG, Alternativa dos Veciños e Marea Atlántica. O Partido Popular abstívose.

Anacronismo e lastre
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, explicou que o feito de manter a titularidade destes centros é “un anacronismo”, que lastra ademais os orzamentos da institución provincial. “Son máis de 14 millóns de euros que temos que dedicar cada ano a financiar servizos esenciais, pero impropios dunha Deputación”, engadiu. 

Tamén o portavoz socialista, Bernardo Fernández, insistiu nesta idea. “Mantemos dous institutos, un conservatorio, un fogar infantil e un centro de menores, cun custe desorbitado tratándose de competencias impropias que teñen que ser asumidas pola administración autonómica”. A voceira do BNG, pola súa parte, asegurou que na negociación vaise garantir que se manteñan os postos de traballo “e os dereitos laborais dos traballadores e traballadoras dos centros”.

A argumentación do PP para absterse ten que ver coa falta da asunción de responsabilidades. O goberno, din, “non quere ningunha competencia e si que desaparezan as deputacións”.

No pleno provincial aprobáronsen tamén mocións tendentes a reclamar o uso do remanente dos orzamentos para facer fronte aos gastos provocados pola Covid, incluíndo unha concentración diante dos Concellos, o venres 7, ás doce do mediodía.

Tamén se aprobou pedir maior colaboración institucional para axudar aos centros de ensino na volta ao colexio.

Comentarios