#DefendeAGalega, gañadora do José Couso de Liberdade de Prensa

#DefendeAGalega, gañadora do José Couso de Liberdade de Prensa
O fallo do premio deuse a coñecer onte no decurso dun acto celebrado no centro cultural Torrente Ballester | jorge meis

O 25 de maio de 2018, traballadores e traballadoras da Televisión de Galicia e da Radio Galega comezaban a vestir os venres con camisolas negras, iniciando unhas mobilizacións que lograron popularizarse a tavés dos cancelos #DefendeAGalega e #VenresNegro.

O obxectivo: denunciar a manipulación informativa, o desmantelamento dos medios públicos e as cada vez maiores dificultades para desenvolver o traballo con criterios profesionais.


Case un ano despois do comezo destas accións, a campaña promovida por estes profesionais vén de ser elixida como a gañadora da XV Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, convocatoria organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol.


Para o xurado, esta loita, sen precedentes nos medios públicos galegos, converteuse no símbolo dunha pelexa pacífica e tenaz que desborda os límites da televisión e da radio públicas e que debera involucrar non só a toda a profesión xornalística, senón ao conxunto da sociedade galega.


Conseguiu, así mesmo, “popularizar entre a cidadanía reclamacións básicas para a deontoloxía profesional e a liberdade de información, como a necesidade de traballar sen presións externas, a defensa do público ou a creación dun Consello de Informativos”, subraiouse.


Fallo
O fallo deuse a coñecer onte nun acto celebrado no centro cultural Torrente Ballester e que contou coa presenza de Xulia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa; Francisco X.González Saria, decano do Colexio de Xornalistas; Darío Janeiro, secretario do Premio José Couso; e Jorge Suárez, alcalde da cidade naval.

Xulia Díaz comezou a súa intervención lembrando aos traballadores e traballadoras da RTVE na súa reivindicación de que os debates electorais teñan como escenario os medios públicos, recordando tamén a José Couso, así como aos seus familiares e amigos, que seguen na busca de xustiza.


González Sarria, pola súa banda, aproveitou o contexto da campaña electoral para reclamar “unha investigación que faga xustiza” para o cámara ferrolán asasinado en 2003 mentres traballaba cubrindo a guerra de Irak e que se revisen as reformas “que limitaron a aplicación en España da xurisdicción universal”.


O decano do Colexio de Xornalistas quixo destacar que todas as candidaturas “representan o valor de contar as cousas que o poder non quere que sexan contadas”.
Janeiro, como secretario do premio, deu lectura á acta do fallo no que se recolle que o premio foi creado para lembrar “cada ano que son moitos, demasiados sempre, os xornalistas perden a vida no exercicio da súa profesión”.


O alcalde ferrolán recoñeceu a valentía da plataforma gañadora polas reivindicacións que están a facer. “A dignidade, a honestidade, a coherencia e a liberdade son valores que hai que defender, pero tamén hai que defender que a profesión de xornalista sexa retribuida dignamente”.


No acto celebrado onte contactouse vía telefónica con Tati Moyano, en representación do colectivo gañador, quen agradeceu en nome de todos os seus compañeiros e compañeiras o recoñecemento, co cal agarda que se escoiten as súas reivindicacións. A entrega do premio terá lugar o vindeiro día 3 de maio no Teatro Jofre de Ferrol.

#DefendeAGalega, gañadora do José Couso de Liberdade de Prensa

Te puede interesar