“Danos igual tocar nun clube pequeno que para miles de espectadores”

“Danos igual tocar nun clube pequeno que para miles de espectadores”
Diario de Ferrol-2015-08-09-007-0e25f6b0_1

Os británicos The Pretty Things foron os pesos pesados do cartel do Felipop que onte despedía en Limodre a súa décimo oitava edición. A banda, formada en 1963, conta como membros fixos con Dick Taylor (primeiro baixista dos Rolling Stones) e Phil May (na voz), que testemuñan unha traxectoria chea de gabanzas de artistas como Joe Ramone, Van Morrison, David Gilmour, Glen Matlock ou David Bowie. Non en van están considerados como unha das bandas británicas máis influíntes dos anos 60. E con esa aura pero coa bonhomía dos máis grandes, presentáronse en Fene para encender A Hortiña coa súa potencia musical. “É moi bonita, unha especie de Hyde Park en pequeno”, comentaban  May e Taylor onte á tarde, antes de comezar coas probas de son.
Dick Taylor ri a gargalladas cando se lle pregunta se ter deixado os Rolling Stones nos seus inicios non lle produce pesadelos. “É unha pregunta que me fan sempre. Eu non son o Pete Best dos Rolling Stones [en referencia ó primeiro batería dos Beatles] e ademais non envexo nada a vida de Bill Wyman [o seu substituto]. Ó fin e ó cabo, que me ían dar? Máis fama e máis cartos? Estou moi contento coa vida que levei e non penso niso para nada”.
As louvanzas dos xigantes da música rock gústanlles e reconfórtaos pero o mellor “é conectar coa xente”. E esa proximidade é a que fai que poidan tocar no Felipop diante duns centos de persoas e, hai unha semana, perante 12.000 en Alemaña. “O que importa é a conexión co público, danos igual tocar nun clube pequeno que con moitos espectadores”. E por iso síntense especialmente satisfeitos de manter os vencellamentos coa xente nova, tanto cos que son seguidores como “cos grupos novos que fan o mesmo tipo de música”.
Aceptan esa influencia e tamén unha fama que, porén, relativizan. “Entendemos ben iso porque eu faría igual se tivese diante a Bobby Charlton [considerado o mellor futbolista inglés de tódolos tempos]”, di Taylor, e lembra ademais como os nervos lle xogaron unha mala pasada cando nos Ánxeles, en casa de Jack Nicholson, coñeceu á cantante Joni Mitchell e non puido case nin contestar ás súas preguntas. En cambio, máis fluída foi a conversa con Steve Cropper (produtor e guitarrista responsable do éxito “Sittin on the Dock of the Bay”), que tiña ademais unha empresa de toldos. Cando lle preguntaron por tan animada charla o contido foi do máis cotiá para dous monstros da música popular: “Estivemos falando todo o tempo de toldos e de tendas de campaña”.

última oportunidade
Logo do concerto de onte, The Pretty Things tocan hoxe, ás 22.30 horas, en Casa Ardá, en formato acústico. A entrada vale tres euros para os que asistiran ó festival e cinco para o resto.

“Danos igual tocar nun clube pequeno que para miles de espectadores”

Te puede interesar