Crónica e paixón, elementos esenciais na última obra de Vicente Araguas

A Central Librera da rúa Dolores acollerá esta tarde, a partir das 19.30 horas, a presentación de “O primo Basilio volveu a Lisboa”
Crónica e paixón, elementos esenciais na última obra de Vicente Araguas
O escritor nedense presentará o libro esta tarde | DANIEL ALEXANDRE

José María Eça de Queirós publicaba en 1878 “O primo Basilio”, unha obra que hoxe terá resposta grazas ás verbas de Vicente Araguas –encargado tamén da tradución deste libro–, quen presenta hoxe –na Central Librera da rúa Dolores, a partir das 19.00 horas– “O primo Basilio volveu a Lisboa”, un poemario que, como explica o autor, “muda a historia”.


O escritor, que traballa nun sen fin de estilos, atópase agora mergullado nunha “poesía narrativa”, que lle dá unha volta ao que, hai máis dun século, narraba o portugués. Nesta ocasión, as tornas sitúan a Luísa, a protagonista que orixinalmente morre de pena, divorciada do seu home e traballando na sección de calzado de El Corte Inglés en Lisboa. Araguas, ademais de lucir a nivel creativo, expón que para esta creación “fixen un pouco de crónica”, xa que as súas verbas permiten que o lector, ademais de coñecer unha nova versión da historia –esta vez escrita en verso–, poida percorrer as rúas da capital lusa.


As críticas 


Henrique Dacosta acompañará mañá a Araguas neste acto de presentación despois de “facer unha crítica marabillosa”, sinala o autor, que recoñece ao ferrolán como “un dos mellores do país no seu eido. Está moi atento ao pretexto, ao texto e ao contexto”, expón, e remarca que, na súa opinión, “isto é o que ten que facer un bo profesional”.


O nedense, con máis dunha trintena de obras ás costas, asegura que, pese a coñecer este mundo prácticamente á perfección, sente emoción “con cada libro novo meu, pero tamén co alleo se me entusiasma”, asevera. Remarca que o invade “unha sensación de vigorosidade, como se voltase ao punto de inicio, porque sempre é a primeira vez”. Porén, os nervios “como tal” xa non están, “pero sinto certo desasosego, certo estrés, cousa que me parece importante”.


Neste aspecto, asegura tamén que atoparse entre Neda e Ferrol sempre é “o punto tanto de partida como de volta. Para min é algo básico. É moi importante sentir esa sensación de plenitude”, comenta o escritor.
Isto é para el unha constante no seu día a día que espera que se manteña no porvir.


“Para min a escrita é a respiración, o alento. Daquela, mentres non tolee ou non me volva parvo” –comenta entre risas Araguas–, “vou seguir escribindo”. 

Crónica e paixón, elementos esenciais na última obra de Vicente Araguas

Te puede interesar