Críticas á Academia Galega 2 (XCII)

Críticas á Academia Galega 2 (XCII)
Diario de Ferrol-2018-04-15-011-c5cb6d44

Dicía na última entrega que sempre me chamara a atención que nos dous textos críticos aparecidos no boletín da Irmandade da Fala non aparecese ningunha referencia ao académico elixido para ocupar o cargo de tesoureiro ao carón do presidente Martínez Salazar. Compre lembrar que Francisco Ponte Blanco, o novo tesoureiro, fora elixido catro meses antes alcalde da Coruña por real orde. Segundo recollían os diarios coruñeses, tal así El Orzán, de 19 de xaneiro, no solto “En el Ayuntamiento / La sesión de ayer”, despois de que se lesen as reais ordes aceptando a renuncia do alcalde Asunsolo e nomeando para substituílo o Sr. Ponte Blanco, este procunciou un discurso no que manifestaba a súa aspiración de ser alcalde de todos contando coa axuda necesaria para resolver problemas, o primeiro de todos o económico, que era o máis importante. No turno de intervencións dos concelleiros, Peña Novo -como algúns outros membros da corporación- solicitou que constase en acta a súa protesta contra o nomeamento de alcalde por real orde e, nun extenso discurso, censurou o Goberno liberal por seguir a mesma norma de conduta que o conservador. A lei municipal concedía ao Goberno do Estado a prerrogativa de elixir alcaldes, mais os liberais adoitaban deixar que fosen as corporacións as que o fixesen. Como nese momento non se actusara así, a concelleiro Abad solicitou que se votase unha proposición súa solicitando das Cortes que se derrogase a lei municipal e se concedese unha ampla autonomía aos Concellos así como que se elevase ao rei unha mensaxe interesando que se deixe a estes liberdade de elixir alcaldes. A proposición foi aprobada por dezaseis votos contra dous.
El Ideal Gallego, dese mesmo día 19, “En el Ayuntamiento / La sesión de ayer / Preside el nuevo alcalde, Sr. Ponte Blanco”, informaba máis pormenorizadamente do manifestado polo dirixente nacionalista. Así di que Peña Novo expresara “la pena que le produce que el señor Ponte y Blanco, que fué uno de los que protestaron contra el nombramiento de alcaldes de Real Orden, haya aceptado ahora el cargo de esa forma”, ao tempo que censuraba o actual Goberno por resucitar ese sistema que o propio partido liberal abolira. Segundo o diario católico, o concelleiro nacionalista tamén manifestara a súa disconformidade coa afirmación do novo alcalde de estar desligado de todo compromiso político e ameazara coa obstrución.
O propio diario, días antes, concretamente o 13, cando se soubo da elección por parte do Goberno, no solto “El nuevo alcalde / D. Francisco Ponte y Blanco”, dixera:
“Aunque ni la política a que está afiliado ni la forma de haber sido designado para el importante cargo que desempeñará nos inspiran la menor simpatía, compartimos el sentimiento general de la población, en la que el nombramiento ha de ser bien recibido”. Esa actuación no ámbito da política municipal non semellaba favorable para que a Academia Galega elixise unha persoa con ese comportamento para ocupar un cargo de responsabilidade na mesma, asunto que, como vemos, deixou de lado a Irmandade da Fala, que se centrou só na figura do novo presidente.
Martínez Salazar morrería poucos meses despois, o 6 de outubro de 1923, e desta volta tanto a Irmandade da Fala como a Irmandade Nazonalista Galega si se mostrarían belixerantes coa escolla de Ponte Blanco para sucedelo.
A Academia Galega elaborou unha nota da sesión electoral que foi publicada pola prensa diaria coruñesa ao día seguinte, 1º de abril de 1924, e en días posteriores por parte da doutras localidades. Por ela sábese que acudiran á xunta convocada para o 31 de marzo coa finalidade de elixir novo presidente -xa transcorrera o prazo estatutario para facelo- os académicos numerarios da Coruña Martelo Paumán, Lugrís Freire, Vaamonde Lores, Pérez Barreiro, Eladio Rodríguez e Estrada Catoyra, que, ademais, votaran por representación once académicos de fóra da localidade: Amor Meilán, Banet, Barcia Caballero, Cabeza de León, Pérez Costanti, Ballesteros, Maciñeira, Sampedro, Diez Sanjurjo, Rojo Pérez, Varela Lenzano e Vega Blanco e que resultara elixido por maioría Francisco Ponte Blanco
El Eco de Santiago, de 5 de abril de 1924, no solto “Real Academia Gallega / La elección de presidente”, ademais de dar conta desa Xunta xeral ordinaria da corporación académica, comentaba  que “La designación del señor Ponte Blanco no es del agrado de muchos literatos gallegos y la prensa de Vigo, ‘Galicia’ especialmente, viene combatiendo a la Academia por ella”. Avanzaba, así mesmo, algo que nunca tería lugar: “Nosotros tenemos motivos para suponer que el señor Ponte Blanco estará poco tiempo en la Presidencia de la Academia”. Apuntaba que se proxectaba modificar o Regulamento da corporación para que non fose obrigado que o presidente residise na Coruña “y entonces seguramente dimitirá el señor Ponte para que se haga una nueva elección, que tampoco él está muy seguro de merecer el puesto que ocupa”.
Efectivamente, tal como dicía o diario compostelano, o vigués Galicia, do día anterior, 4 de abril,  publicara o editorial “El caso de nuestra Academia / Un llamamiento a los hombres de letras”
O autor do mesmo, que comeza manifestando que por respecto á “ancianidad venerable del patriarca de nuestras letras” e ao “nombre preclaro de su sucesor” nalgunhas ocasións non rompera unha lanza na defensa do “prestigio tristemente mancillado de la primera corporación literaria de la región”, consideraba que chegara o momento de que “traigamos a publicidad el caso vergonzoso de nuestra Academia y a que lo examinemos serenamente”. Comezaba o examen poñendo de manifesto que a elección de Ponte Blanco, unha vez que a vella política fora desterrada dos postos administrativos que usufrutuaba placidamente -o presidente eleito fora un deles, desaloxado da alcaldía da Coruña pola ditadura primorriverista- non se podía tolerar que se aloxase nos “templos reservados a los sacerdotes del pensamiento”. Para o xornalista a Academia acababa de chegar ao maior grado de decadencia e de envilecemento nese xusto momento en que máis se necesitaba a súa “colaboración sancionadora al triunfal renacimiento que en la literatura gallega se ha iniciado”. Compría, pois, “echar del templo a los mercaderes, sean del linaje que sean”, porque el “cetro de las letras regionales, no pudde seguir detentado por esas manos”. E para iso reclamaba que unha entidade como o Seminario de Estudos Galegos convocase unha reunión de escritores para desautorizar publicamente o señor Ponte Blanco.
Unha semana despois, Galicia, no número de 11 de abril de 1924, insertaba o solto “La Academia Gallega / Parece que dimitirá el actual presidente” no que tomaba en consideración o dixera El Eco de Santiago, no texto que acabamos de ver e que reproduce introducido por estas palabras: “Con motivo de nuestra campaña, en contra del reciente nombramiento de presidente de la Real Academia Gallega, ‘El Eco de Santiago’, en uno de sus últimos números dice...”. Acto seguido puntualiza que ao señor Ponte, aínda que deixase de detentar en días “la alta investidura que ostentó Murguía”, ninguén lle podería quitar o “timbre vanidoso de llamarse ‘expresidente de la Real Academia Gallega’, que es, después de todo, lo que el multipresidente pretendía”. E finalizaba desexando que a reforma do regulamento, se ía realizarse, se emprendese canto antes. “No esperemos a que la Academia Gallega se sepulte definitivamente en el desprestigio”.
Pola súa parte, A Irmandade da Fala da Coruña, no número d’A Nosa Terra, de 1º de marzo, isto é o previo á elección de presidente da Academia, dado que nesa altura o boletín saía mensualmente, expresaba a súa opinión contraria á posible elección de Ponte Blanco. No solto “A Academia Galega” dicíase con total rotundidade que, dado que parecía que a súa elección parecía que ía ser un feito, os irmandiños querían “facer constar a nosa enérxica protesta contra tamaño disparate”. Que viña ser, ademais, unha tremenda cacicada, como habemos ver.

Críticas á Academia Galega 2 (XCII)

Te puede interesar