miércoles 21.08.2019

Cristina Prados| “Activaremos a mesa local contra a violencia de xénero”

A socialista Cristina Prados terá neste mandato a responsabilidade, entre outras, da área da Muller, un traballo que afronta convencida de que a prevención, a información e a divulgación é básica para loitar contra a violencia de xénero, que se agocha, ás veces, baixo outros nomes como “doméstica ou intrafamiliar”
Cristina Pardos concejala muller
Cristina Pardos concejala muller
Cristina Prados non chega nova ao Concello, onde xa traballaba para o grupo socialista, pero si se estrea como concelleira. Estará á fronte de áreas como Muller, Xuventude, Minorías Étnicas ou Normalización Lingüística e fará fincapé no traballo coas entidades da cidade e no labor de prevención ou concienciación na loita contra a violencia machista.

Falamos do seu traballo nun espazo como a Casa da Muller. Que papel xoga esta infraestrutura?
Desexamos que a Casa da Muller siga sendo o espazo no que a muller se sinta segura e teña a confianza de que a poidan apoiar en todo tipo de necesidade ou demanda, dende a asesoría xurídica, o apoio psicolóxico, a violencia de xénero ou calquera inquedanza da muller en xeral. Está aberta a todo tipo de mulleres, é un espazo para disfrutar e gozar da compañía doutras mulleres, estreitar lazos de sororidade e que poidan interactuar. De feito, dende a Casa tamén se ofrecen actividades e obradoiros para disfrutar do ocio.

Un dos servicios máis demandados son os que se prestan desde o CIM...
A memoria do 2018 do Centro de Información á Muller dá conta de que a maior parte das consultas son de atención psicolóxica –334 persoas– e de violencia de xénero, 136 dun total de 579 persoas. Atendemos a nivel comarcal, non só a Ferrol, e o perfil da usuaria é de idade comprendida entre 25-54 anos. Son maioritariamente mulleres solteiras, con educación primaria, moitas sen traballo, e que veñen derivadas doutros servizos como a unidade de atención policial, o 016, o CIM da Coruña, traballadores sociales, dos xulgados, etc.

Nas áreas sociais detectábase unha carencia de persoal, como está a situación a día de hoxe?
A concellería de Muller tamén necesitaría persoal pero neste pouco tempo que levo á fronte, agradezo o sobreesforzo dos técnicos e traballadores que están a dalo todo para que, cos mínimos recursos, se saquen adiante cousas moi importantes que repercuten na cidadanía.

Neste mesmo ano aprobouse o regulamento do Consello Sectorial da Muller. Que papel terá neste mandato?
Pretendemos que participen as entidades para que sexan as que realmente nos digan por onde dirixir o noso enfoque para o que de verdade son as súas necesidades. Queremos ante todo cercanía e se teñen dúbidas ou suxestións, se acheguen a nós. Tamén poremos en marcha o cuarto plan local de igualdade, que ten que ser aprobado polo pleno, coa inestimable colaboración das entidades de mulleres. Este plan vai destinado a loitar dende a administración contra a violencia de xénero a través de liñas estratéxicas en distintos ámbitos como o laboral.

Tiveron xa encontros coas entidades de mulleres da cidade?
Houbo contactos con Alvixe, creada hai dous anos, para colaborar de forma desinteresada na instalación de puntos violetas nas festas de Ferrol, creando espazos libres de violencia de xénero e de acoso, con tolerancia cero á humillación e ao acoso. Tamén con Almat, na reunión que ofreceron a súa axuda, e participarán tamén no punto violeta.

Ese punto é o primeiro de carácter municipal nas festas de Ferrol, que máis se pode facer dende o Concello para erradicar a violencia machista?
Temos previsto que esta iniciativa se estenda a outros eventos masivos como as Pepitas ou a Semana Santa, como punto informativo e de denuncia. Ademais, poremos en marcha a mesa local contra a violencia de xénero coa participación doutras administracións e forzas de seguridade, coa representación de grupos políticos municipais e os principais axentes da cidade. É necesaria para traballar na prevención e na asistencia e coordinación de traballos nos diferentes eidos.
Outra iniciativa será a convocatoria dun concurso artístico libre, de poesía, debuxo, etc. para concienciar e sensibilizar aos nenos, dirixido a sexto de Primaria. Estamos a redactar as bases e esperamos que teña repercusión e que participen o máximo número de colexios.

O 8 de marzo consolidouse como unha data central dentro desta área, seguirá potenciándose estes anos?
Todo o que sexa sensibilizar, concienciar e destacar o papel da muller, nuns momentos nos que se percibe un certo retroceso e que situacións de violencia de xénero non son entendidos como tal e se queren cambiar por violencia doméstica ou intrafamiliar, hai que potencialo. Non podemos permitir de ningunha maneira que isto suceda e loitaremos e defenderemos un claro non á violencia.

Na área de Xuventude, haberá novas?
Queremos dinamizar a Casa da Xuventude para que sexa un lugar onde poida acudir a xente moza e estender os seus lazos entre eles, organizar actividades que fomenten o seu espírito crítico, participativo e solidario. Faltan recursos, como un animador sociocultural, e mentres non se cubra esa ausencia é difícil ter un papel destacado nesas instalacións, agora cedidas a unha entidade.

Como concelleira de Normalización Língüística, ten pensado actividades centradas na figura de Carvalho Calero?
Na área de Normalización Lingüística víñase facendo un bo labor e con moitas actividades, ás veces descoñecidas, como o programa Apego, que regala aos recén nacidos varios obxectos, que fomentan o galego. É necesario darlle máis difusión á área porque, ás veces, tamén é un traballo transversal que queda diluído.
Con respecto á figura de Ricardo Carvalho Calero, de cara á conmemoración do Día das Letras Galegas, faremos actuacións para destacar o papel importante do escritor, traballando conxuntamente con outras das concellerías. l

Comentarios