Conto por entregas (Primeira parte)

Conto por entregas (Primeira parte)

1
Había unha vez un barrio nunha cidade mareira, a carón dunha fermosa ría, que polas súas características fora incluído no Censo do Patrimonio Histórico. O barrio chamábase “Precimil” e fora edificado para acubillar a unhas mil familias, das clases humildes da cidade, coa intención de lles permitir o acceso á propiedade, despois de certo tempo.
Os primeiros adxudicatarios das vivendas daquel barrio, firmaron os contratos nunhas duras condicións económicas, porque na cidade non había casas dabondo para todos os veciños e, pensando en chegar a propietarios, tal como se lles prometera. Mais os contratos non foron respectados polo Concello, que se fixo propietario daquelas vivendas. Despois dun tempo, os edificios comezaron a ter problemas, mais o Concello, malia ingresar cada mes moitos cartos polos alugueiros, non facía nada por amañar os estragos. Ante a falta de interese dos responsables do Concello en facer un mantemento axeitado, os veciños quixeron mercar as vivendas e conseguiron un acordo plenario unánime para o estudo da cuestión; mais malia a unanimidade do acordo, os políticos dun novo goberno, racharon despois, ilegalmente, aquela decisión, que eles mesmos votaran.

2
Aquel barrio que antes estaba nas aforas, converteuse nun espazo céntrico cando a cidade creceu. Mais os problemas nos edificios ían en aumento pola falla de mantemento, o que fixo que os “depredadores urbanísticos” puxeran os ollos no barrio, para derrubalo e reconstruír, cunha clara intención especulativa, que foi coñecida como “o negocio do século”. Entón, o goberno do concello, despois de rachar aquel acordo unánime, expuxo a súa intención de derrubar as vivendas. Nembargante, a asociación veciñal conseguiu convencer ao grupo de goberno, para que renunciasen ao derribo. Cando houbo novo cambio de goberno, os veciños tentaron de novo mercar as vivendas, conseguindo un segundo acordo plenario unánime e se crea outra comisión institucional para ese asunto, acordándose contratar a unha empresa especializada para realizar os trámites. Mais un novo cambio volve poñer no goberno aos que racharan o primeiro acordo e, incriblemente, rachan por segunda vez o acordo plenario unánime!! E agora, con máis forza que antes, propoñen o derribo do barrio e a súa reconstrución, mais a forte protesta dos veciños, apoiados pola oposición, evitan o novo o intento.

3
Algún tempo despois, a A. de VV. do barrio recibe una oferta da empresa “TAÚRES Promociones”, para “Remodelación do barrio de Precimil”, a realizar en 10 anos, presentando un informe, con planos e debuxos, datos de obra, superficies de locais e de garaxes, tipos de vivendas, orzamentos, gastos e ingresos, fases de construción e prezos das vivendas. A oferta, que incluía condicións “especiais” para os dirixentes da asociación, foi rexeitada, pola maioría dos directivos. Seguidamente, xurde un novo intento de dous grupos políticos que gobernan xuntos no concello, propoñendo o derribo de Precimil e afirmando contar co apoio da A VV. Varios xornais, daban xa por feita a demolición do barrio e o anuncian con grandes titulares. O presidente da asociación veciñal aconsella calma e agardar tranquilos, pero estaba claro que non ían de “farol”. Alertados os veciños, realízase unha reunión nunha praza do barrio, con máis de 200 persoas, que deciden loitar na defensa dos seus fogares. Os asistentes organizaron unha recollida de firmas, manifestacións e protestas, e crearon a asociación “Sanfer” comezando unha longa loita contra o derribo e pola rehabilitación.

4
A partir do anuncio do derribo, os ataques contra o barrio foron constantes; os medios informaban a cotío da demolición das vivendas de Precimil e o asunto tiña o aspecto dunha conspiración ben organizada, pois parecían contar con todos os medios: político, de propaganda, empresarial e financeiro. No ámbito político, os “demoledores” gobernaban na cidade, na Deputación, na Autonomía e no Estado; no tema da propaganda, dominaban na radio e TV locais, en tanto que, nos xornais, aparecían a diario opinións a favor do derribo, incluídas as do presidente da asociación veciñal, que tamén facía campaña a favor; pola parte empresarial contaban coa Promotora Inmobiliaria TAÚRES, que parecía estar no tema e, no asunto  financeiro,  afirmaban contar co apoio de Bancos e Caixas.
Os políticos máis “demoledores”, facían declaracións sobre a falta de calidade das vivendas e, presentaron publicamente unha maqueta da futura urbanización, (moi parecida ao proxecto da Promotora “Taúres”) negando a importancia histórica, urbanística e social, dunhas vivendas que foran sinaladas polos Arquitectos locais como “O fito urbanístico máis importante da cidade no século XX”.

5
A propaganda da trama en Precimil, facíase diariamente a través da radio local, por teléfono, con intervencións a favor do derribo, cualificando o barrio como ruinoso e como unha vergoña para a cidade, por estar situado na súa entrada. Case sempre eran as mesmas persoas as que falaban e tiñan o teléfono practicamente secuestrado. Na TV local, facíanse con frecuencia debates sobre o tema de Precimil aos que normalmente se invitaba aos partidarios da demolición; nun deses debates o propio presentador afirmou que as vivendas “estaban caendo”. Outro día, un dos representantes dos demoledores, recoñecía que, se as vivendas non estivesen “no centro”, non sería interesante o derribo. Estimaba en dez anos o tempo da operación (coincidindo cos cálculos de “TAÚRES” e,  minimizaba o prexuízo dos veciños afirmando que: “total, en dez anos estarán todos mortos”. Semella que os “demoledores” tíñano todo ben calculado, porque pensaban trasladar aos habitantes e reservar para eles unhas 700 vivendas, quedando preto de 1.500 para negociar, mais contaban con que, en dez anos, moitos morrerían e xa case non quedarían veciños e todas as vivendas serían para especular.
 

Conto por entregas (Primeira parte)

Te puede interesar