lunes 18/1/21

Conta atrás para a estrea da película “Valentina” dirixida por Chelo Loureiro

Se a situación sanitaria non obriga a mudar os prazos previstos, a película “Valentina”, coa que a produtora ferrolá Chelo Loureiro (Abano Producións) debuta como directora, chegará ás salas de cine o 18 de xuño. Comeza así a conta atrás para a estrea dun proxecto con gran participación de ferroláns e que aborda o tema da inclusión
Desde a esquerda, Chelo Loureiro –directora da película–, Coke Couto, Lúa Testa e Nani García
Desde a esquerda, Chelo Loureiro –directora da película–, Coke Couto, Lúa Testa e Nani García

Sabe que lle agarda un ano moi intenso, con moitas frontes abertas en forma de proxectos profesionais. E entre eles, un moi especial: a súa estrea como directora. A ferrolá Chelo Loureiro, fundadora de Abano Producións e cunha xa moi recoñecida traxectoria no campo da animación–Goya en 2017 por “Decorado”, dirixido por Alberto Vázquez e inmersa agora en plena campaña do Goya e dos Óscar con “Carne”, de Camila Kater– comeza a conta atrás para o lanzamento da súa película “Valentina”. Se a crise sanitaria actual non obriga a mudar os prazos, a cinta chegará aos cines o 18 de xuño da man de Super 8 Distribución.

Loureiro, entre cuxos méritos está o de ter moi bo ollo para descubrir e apoiar a obra de autores con gran talento, adquire desta volta o liderado do proceso creativo cun proxecto que tiña en mente desde hai moito tempo e que comezou a tomar forma hai tres anos. “Creía que era imprescindible facer unha película onde a protagonista fose unha persoa, un neno ou unha nena, con discapacidade, pero que o ‘late motive’ da película non fose a discapacidade, porque a discapacidade, para quen a vive, é a súa normalidade, non é excepcional. E o que toda persoa discapacitada quere, é que a miremos como un máis, non como unha persoa especial, porque ao final todos somos diferentes e todos temos algunha discapacidade, todos. Quería traballar o tema da inclusión de verdade, con absoluta normalidade”, explica.

Historia

Valentina, a protagonista da súa cinta, ten síndrome de Down e soña con ser trapecista. A morte da súa avoa, a quen estaba moi unida, supón un duro golpe para a pequena, que emprende a súa particular aventura, a través dun soño, en busca deste ser tan querido. Nesta viaxe, na que estará acompañada de amigos como o seu inseparable ratiño Chiqui, aparecerán imaxes de diferentes lugares de Galicia, incluído Ferrol. Nesta aventura musical que é a película, sonarán ata oito fermosas cancións con letra da propia directora, música de Nani García e interpretacións de ferroláns como Lúa Testa, María Manuela, Andrés Suárez, Helga Méndez e Coke Couto, aos que tamén se unen as voces das cantantes galegas Pilocha e Uxía.

Con Lúa Testa, a súa filla, compartiu ademais a tarefa de elaboración do guión. “Estar acompañada da túa filla neste proxecto foi moi bonito; é unha enorme satisfacción e sobre todo porque hai unha confianza absoluta”, salienta.

“A verdade é que eu tiña moitas ganas de facer algo con xente de Ferrol. Como ademais é un proxecto tan persoal, intentei facer o máximo posible en Ferrol.As dobraxes, por exemplo, fixémolas en Serantes. María Manuela pon á voz á avoa de Valentina; Coke e ó alfil das pezas de xadrez que acompañan á protagonista na súa aventura; e Lúa e Andrés (Suárez) poñen voz á mamá e ao papá de Valentina, convertidos no soño da nena na raíña e no rei, respectivamente”.

A voz de Valentina tanto na versión orixinal, en galego, como en castelán, foi dobrada por dúas nenas con síndrome de Down, Lucía (de Lugo) e Pepa (de Santiago), respectivamente. Alicia Rábade, pola súa banda, é a que pon a voz cando a protagonista canta.

“Sempre digo que a gran sorte que teño é de rodearme do mellor equipo posible. Neste proxecto, no que son primeriza na dirección, conto ademais coa axuda de Brandán Álvarez, que é o director do estudio de animación Antaruxa (situado na Coruña) que é onde se está a facer a animación  e é o mellor compañeiro que podo ter porque ten moita experiencia e me está axudando moitísimo”, apunta.

Mercedes Milá ou Emilio Aragón –autor e intérprete dunha das cancións do filme– son outros dos colabadores “de luxo” cos que a produtora ferrolá conta no seu primeiro traballo como directora.

Sobre as expectativas da súa obra, Loureiro agarda que, sobre todo, lles guste aos nenos e nenas, a que vai especialmente dirixida, “que canten as cancións, que penso que son realmente alegres e divertidas”, apunta, e que “achegue de verdade un punto de vista diferente para a cantidade de nenos e nenas e adultos que hai con discapacidade, que poidamos aprender a velos, que para unha persoa con discapacidade, o su día a día é o normal, é a ollada allea a que fai sentir que é diferente”, incide.

“Eu vivín esa experiencia. Teño unha irmá con polio; eu tiña dous anos cando ela enfermou. Medrei ao seu lado e para min era absolutamente normal todo o que na casa sucedía; o problema estaba cando saiamos á rúa; quedábame sorprendida do que a xente nos dicía. A ver entón se podemos facer un labor pedagóxico neste sentido”, conclúe.

Comentarios