Concerto Tempo extende o seu proxecto aos nenos a través dunha escola coral

Concerto Tempo extende o seu proxecto aos nenos a través dunha escola coral
Imaxe do grupo de persoas que na actualidade forman parte do coro dirixido por José Antonio García Mato

En Ferrol, cidade de gran tradición musical, siguen agromando novos proxectos e iniciativas arredor desta arte. Desta volta, é o coro Concerto Tempo o que, nun intento de plantar unha semente para o futuro, porá en marcha unha pequena escola coral que levará por nome Concerto Tempiño.
A iniciativa está dirixida a nenos e nenas que este curso estuden de 3º a 6º de Primaria e dará comezo este mesmo mes.
O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro día 18 ás 23.00 horas e os interesados terán que enviar un correo electrónico ao enderezo corodenenos.ct@gmail.com.
As prazas están limitadas a 50 e o día 22 farase unha proba a todos os inscritos por se houbese máis demanda da oferta dispoñible e que servirá tamén para clasificar as voces.
A actividade desta nova iniciativa comezará o 29 deste mes e os ensaios terán lugar os sábados, en horario de 11.00 a 12.30 horas no Centro Cívico de Canido, grazas á cesión por parte da Asociación de Veciños do barrio das súas instalación para o desenvolvemento da proposta musical. O prezo será de 10 euros ao mes e o pago efectuarase de forma trimestral.
Equipo
“A nosa idea é poder facer un coro de nenos cun equipo que vai ser moi novedoso”, comenta José Antonio García Mato. O director de Concerto Tempo e un dos impulsores do novo proxecto formará parte do equipo docente xunto á soprano profesional Patricia Rodríguez, que será a profesora de técnica vocal –“o que permitirá aos nenos aprender a cantar xa correctamente desde pequenos”, di o director–; a profesora de música e bailarina Eva Faraldo, que se encargará da expresión corporal (coreografías, colocación no escenario, a xestualidade da cara, etc); e o pianista Joel Crespo como acompañante.
A creación deste coro infantil será a primeira etapa dun camiño ao que queren darlle continuidade cun coro xove que sería o paso previo para chegar á formación de Concerto Tempo.
A xuízo de García Mato, que desde hai cinco anos dirixe tamén un coro duns corenta estudantes do IES de Ortigueira donde exerce como profesor de Música, esta actividade é moi positiva para os rapaces: “trabállanse moitas cousas, desde a concentración, traballo en equipo, esforzó, disciplina… o canto ten moitos beneficios para a saúde, para a autoestima, para espetar tamén o traballo dos demais, etc”, di.
Actuacións
Mentres agardan que este novo proxecto teña unha boa resposta, Concerto Tempo segue coa súa actividade habitual, ensaiando nas instalacións do colexio Tirso –que o centro lles cede desinteresadamente– e actuando en diferentes lugares. “Van xurdindo concertos a través da Deputación, a través do Concello de Ferrol a través do programa ‘Ferrol a escena’, así como de invitacións e intercambios con outras formacións e agrupacións”.
Unhas 25 persoas forman parte na actualidade do coro ferrolán, que o vindeiro día 15 cumprirá doce anos.
Repertorio
“Desde os comezos intentamos abranguer todos os estilos posibles, desde música clásica académica –desde o Renacemento ata a actualidade– ata música galega, espiritual, sudamericana, africana, etc. Temos tamén un repertorio actual de versións pop/rock”, salienta o director.
“Penso que cada vez estase apostando máis na comunidade por que a xente nova participe máis nos coros intentando facer un repertorio que sexa motivador para eles e que lles chame un pouco máis a atención”, conta.
Os que vaian ver unha actuación de Concerto Tempo daranse conta axiña da “química” existente nun grupo que, lonxe de manter sempre unha concepción estática no escenario, aposta por incluir performances ou obras cun carácter máis teatral.
“Ás veces nos acompañamos de instrumentos diferentes, de percusión, do chelo… agora estamos preparando unha obra para coro e guitarra, aínda que a maioría do noso repertorio é a capella”, explica.
Para poder entrar a formar parte de Concerto Tempo é ter alguna experiencia coral ou coñecementos de linguaxe musical, “xa que temos obras de certa dificultade que ao mellor para unha persoa que nunca cantou nun coro poden resultar complicadas”, engade.
Formación
A agrupación conta ademais coa profesora de técnica vocal Patricia Rodríguez porque, tal e como apunta José Antonio García, “eu tiña claro desde o comezo que para que o coro progrese precisamos formación. Patricia traballa coa totalidade do coro pero ás veces tamén por sección e incluso de xeito individual”.
Concerto Tempo, que xurdiu sen ningunha pretensión máis que a de alimentar as inquedanzas musicais dun grupo de rapaces da comarca con afección pola música como nexo de unión, foi evolucionando nunha clara aposta pola formación e, sobre todo, por intentar gozar ao máximo do canto coral.

Concerto Tempo extende o seu proxecto aos nenos a través dunha escola coral

Te puede interesar