O concerto do africano Mû Mbana abre a nova tempada do Jofre

O concerto do africano Mû Mbana abre a nova tempada do Jofre

O ciclo “Na Raíz”, unha proposta da Concellería de Cultura de Ferrol que afonda na música tradicional desde unha óptica moderna, inaugurará este venres a súa terceira edición co concerto do artista africano –natural da illa de Bolama en Guinea-Bissáu– Mû Mbana.
A actuación, que servirá ademais para abrir a nova temporada cultural do Teatro Jofre, terá lugar ás 21.00 horas e as entradas custan dez euros.
O multiinstrumentalista, compositor e poeta medrou influenciado polos cantos das mulleres dos grupos étnicos Brame (Macanha) e Bijagos (Bidjugu). A madurez da súa música e os instrumentos que o acompañan (cordas tradicionais) son como un reflexo material da súa alma viaxeira e tranquila. Con dez discos xa editados, achega ao Jofre a súa proposta máis íntima, unha auténtica viaxe polos sons africanos.
Logo deste concerto inaugural, o ciclo continuará o 20 de outubro coa banda lusa Orquestrada co seu son “único e cosmopolita inspirado nas raíces da música popular portugues.
Eliseo Parra
Seguiralles, o 10 de novembro, Eliseo Parra, unha das figuras máis representativas do folclore ibérico.
Adicado a música desde os anos 60, na década dos 80 comezou a investigar e estudar a música tradicional castellana, converténdose en todo un referente na innovación a partir de recolleitas de canto tradicional. 
Acompañado por Xavi Lozano e Josete Ordóñez, presentaranos o repertorio do seu último disco, facendo ademais un repaso polo seu repertorio máis significativo.
Encargarase de pechar esta terceira edición de “Na Raíz” o 15 de decembro Niño de Elche, un cantaor atípico e artista multidisciplinar que combina o cante flamenco coa performance, a poesía, a libre improvisación, o rock ou a electrónica. 
Aposta
Este ciclo é unha das apostas máis fortes da Concellería de Cultura, tanto por novidosa como pola súa curiosa e coidada combinación de música tradicional e de raíz, coa modernidade e a vangarda na súa interpretación.
“É un ciclo propio e moi ambicioso ao que lle teño moito cariño porque fala da tradición desde a modernidade”, salientaba recentemente o concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea. O deseño do cartel desta proposta musical foi obra de Elga Fernández. l

O concerto do africano Mû Mbana abre a nova tempada do Jofre

Te puede interesar