O Concello de Narón celebrará as Letras Galegas con dous días de actos na Praza da Lectura

O Concello de Narón celebrará as Letras Galegas con dous días de actos na Praza da Lectura
A programación, que leva por título “N de Narón. A festa das letras” foi presentada onte no concello naronés

O Concello de Narón celebrará a festividade das Letras Galegas con dous días de actividades o 16 e 17 de maio arredor do lema “N de Narón. A festa das Letras”. Todas terán como escenario a Praza da Lectura, en Santa Icía, onde a música e os libros serán os principais protagonistas.
As propostas arrancarán o mércores 16 co concerto, ás 21.00 horas, da Coral poliafónica de Aturuxo de Melpómene. Carlos Mosquera, Mos, será o encargado de dirixir á decena de personas que integran esta formación, que versiona temas clásicos con outros máis recentes ou de creación propia.
A continuación, ás 22.00 horas, tomará o relevo o Cuarteto Caramuxo, co que o público poderá gozar da música popular galega a través de diferentes estilos musicais.
O propio día das Letras, o xoves 17, haberá pola mañá, a partir das 12.00 horas, un concerto do músico coruñés Pablo Díaz, que leva preto dunha década de traxectoria profesional, facendo gozar ao público infantil e familiar en cada unha das súas actuacións, tal e como salientan desde o concello naronés.
Ese mesmo día, pola tarde –ás 17.30 horas–, terá lugar un novo espectáculo musical, desta volta a cargo da Banda das Apertas, de Magín Blanco. Música tradicional e contemporánea van da man nunha proposta na que o público xogará un papel moi importante, interacturando en boa parte do espectáculo.
Finalmente, ás 18.30 horas será o turno de Fredy&Cía, que levará ao municipio de Narón o espectáculo “Circanelo”, baseado en técnicas circenses e premiado no ano 2006 no Certame de Interior de Festiclown.
O programa foi presentado onte pola alcaldesa do Concello, Marián Ferreiro, xunto ás concelleiras de Cultura, María del Carmen Espada, e a de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, colaborando tamén na programación a área de Festas, dirixida por Mar Gómez.
Libros
Tamén durante os dous días permanecerán na Praza da Lectura tres stands, un da Biblioteca municipal para fomentar a lectur entre todas as persoas que acudan aos actos alí convocados, e outros dous para as librarías Galicia e Day, que porán á venda numerosos exemplares en galego, dirixidos a diferentes tipos de lectores.
Taibo agradeceu a colaboración destas dúas librarías da cidade e animou á veciñanza a acudir a estes postos “para ver as últimas novidades e as publicacións máis vendidas e lidas na nosa lingua”.
María del Carmen Espada salientou, pola súa banda, a “paixón coa que María Victoria Moreno, escritora e profesora homenaxeada este ano, traballou durante tantos anos co alumnado e tamén ese tesón co que nos anos 70 impartiu de balde, e case clandestinamente, clases en lingua galega”.
A alcaldesa animou ás veciñas e veciños de Narón e tamén doutros concellos a achegarse os días 16 e 17 do vindeiro mes de maio á Praza da Lectura para poder gozar “destes actos cos que un ano máis desde o goberno local de Narón queremos poñer en valor a nosa cultura e, como non, a riqueza da nosa lingua”, tal e como salientou.

O Concello de Narón celebrará as Letras Galegas con dous días de actos na Praza da Lectura

Te puede interesar