Jueves 25.04.2019

A compañía Nova Galega de Danza traerá o 1 de marzo ao Jofre o seu espectáculo “SON”

O ferrolán Jaime Pablo Díaz codirixe unha peza que combina o baile tradicional galego, contemporáneo 
e o flamenco

Unha imaxe do espectáculo que o día 1 de marzo terá lugar no Jofre | m.f.
Unha imaxe do espectáculo que o día 1 de marzo terá lugar no Jofre | m.f.

A compañía Nova Galega de Danza, dirixida polo ferrolán Jaime Pablo Díaz, representará o vindeiro 1 de marzo o seu espectáculo “SON” na cidade naval.

Será no Jofre, ás 21.00 horas, momento a partir do cal o público poderá gozar dunha peza que, “a través da atrevida mistura de pasos do tradicional galego, a danza contemporánea, e o baile español e flamenco, narra a historia dun escultor que se adentra no proceso de creación das súas pezas no interior do seu obradoiro, un lugar que, por outra parte, vai evocar os elementos máis característicos da paisaxe galega”, apuntan desde a compañía.

O bailarín ferrolán codirixe xunto a Carlos Rodríguez un espectáculo no que as coreografías se irán sucedendo e ligando entre si por transicións nas que se empregan difentes elementos que acostuman a formar parte dun taller de escultura.

O prezo das entradas para esta montaxe é de 15 euros.

Miguel Lamas
O día anterior a esta cita, o vindeiro 28, outro ferrolán, o batería Miguel Lamas, ofrecerá un concerto no Jofre no que interpretará os temas do seu novo disco, “My expression way”. Estará acompañado por Octavio Vargas (baixo), Jorge Vera (teclados), Carlos Leal (guitarra) e San Gómez (voz). Será ás 21.00 horas e as entradas custan cinco euros.

Pablo Milanés
Por outra banda, cómpre sinalar que xa están esgotadas as entradas para o concerto que o sábado 2 de marzo ofrecerá o cantautor cubano Pablo Milanés no Auditorio de Ferrol.

Comentarios