Unha comisión cidadá impulsa o Día das Letras para Carvalho Calero

Unha comisión cidadá impulsa o Día das Letras para Carvalho Calero
Comision Carvalho Calero Letras Galegas

A falta dun Día das Letras Galegas para o ferrolán Ricardo Carvalho Calero é unha das ausencias máis clamorosas no eido das conmemoracións e homenaxes ás grandes figuras da cultura do país. A súa defensa dunha ortografía que se aproximara ó portugués expulsouno da oficialidade e, malia o innegable valor das súas achegas na investigación lingüística e literaria e da súa obra creativa, diversos sectores continúan a loitar para sacalo do esquecemento. Desde Ferrol impulsáronse en varias ocasións iniciativas que buscaban influír nos membros da Real Academia Galega para que apoiasen que se lle dedicase o Día das Letras a Carvalho. Aínda non tiveron éxito, pero as propostas continúan. A última vén da man dunha comisión que, desde o movemento cidadán, quere aglutinar esforzos para conseguir esta conmemoración no ano 2015. Os profesores Manuel Pazo, Xosé María Dobarro e Bernardo Máiz (que foron alumnos do ferrolán) presentárona onte publicamente nun acto en Sargadelos, primeira chamada de atención para constituír unha plataforma plural nas vindeiras semanas. De feito, haberá unha reunión aberta a asociacións veciñais, culturais, colexios e outras institucións para definir o camiño a levar adiante a partir de agora.
“Carvalho Calero morreu hai 24 anos. Nós somos unha comisión promotora para tratar e conseguir que acade o honor para os que ten merecementos abondo”, explicou Bernardo Máiz. “El entendeu que a ortografía debía achegarse á portuguesa e xa en vida condenárono ao ostracismo, pero foi o pai lingüístico da Galicia contemporánea”, engadiu. Lembrou que a primeira homenaxe que se lle fixo foi en Ferrol, por parte da asociación Medulio, en 1981, e que en 2010 o Concello realizou un pequeno congreso e editou dous libros.
“Non representamos a ningúen”, apuntou o profesor Xosé María Dobarro, a quen Carvalho Calero lle dirixiu a tese de doutoramento. “Simplemente tivemos relación co profesor, somos afervoados admiradores de toda a súa obra como creador literario e como investigador”. De feito, subliñou que, malia que esta última faceta é a máis divulgada de Carvalho, ten unha obra creativa de gran valor no campo poético (onde se iniciou de moi novo, antes de ir estudar a Santiago), teatral (con obras tan representadas como “A farsa das zocas”) e en narrativa. De Carvalho foi a primeira novela en galego que se publicou despois da Guerra Civil (“A xente na barreira”, en 1951) e Dobarro sitúa “Scorpio”, de 1987, como “unha das mellores da literatura galega das últimas décadas do século XX”.
“Esperemos que este paso teña acollida na cidadanía ferrolá e en sectores da cultura de toda Galicia e que se lle recoñeza o que xa se lle tiña que ter recoñecido hai quince anos ou máis”, engadiu Dobarro.
Manuel Pazo afirmou que hai que superar as reticencias fronte a Carvalho por cuestións ortográficas porque “tantos anos despois da súa morte e do fin da ditadura, tentan impedir que poidamos formarnos as nosas propias opinións”. Aínda que esta petición xa foi aprobada no pleno ferrolán en dúas ocasións, “non temos por que renunciar a pedirllo á RAG outras catro, cinco ou vinte veces”. n

Unha comisión cidadá impulsa o Día das Letras para Carvalho Calero

Te puede interesar