sábado 24.08.2019

Colaboración entre a UDC e a ASCM para realizar proxectos de Aprendizaxe e Servizo

A proposta educativa, na que o alumnado aprende a traballar en necesidades reais da contorna, cobra pulo na Universidade
Desde a esquerda, Teresa Romero, Jesús Cendán, Julio Abalde, Paula Gárate, Araceli Torres e Vanessa Míguez
Desde a esquerda, Teresa Romero, Jesús Cendán, Julio Abalde, Paula Gárate, Araceli Torres e Vanessa Míguez

Desde as primeiras experiencias desenvolvidas hai uns catro cursos, a proposta de innovación educativa Aprendizaxe-Servizo (ApS) foi collendo cada ano maior pulo na Universidade da Coruña. A metodoloxía, que permite ao alumnado formarse traballando sobre necesidades reais da contorna co obxectivo de mellorala, conta cunha cada vez maior implicación tanto do profesorado como de entidades dispostas a participar nos proxectos.

É o caso da Asociación Sociocultural ASCM de Ferrol, que onte asinou un convenio de colaboración coa institución académica herculina para desenvolver actividades deste tipo. As primeiras terán lugar nos meses de outubro e novembro e consistirán na realización de talleres de Informática por parte de estudantes a usuarios con discapacidade da devandita entidade.

A súa presidenta, Paula Gárate, salientou onte esta colaboración coa Universidade, cualificándoa como moi positiva para as dúas partes. Tras ter colaborado xa hai dous anos coa Escola de Deseño Industrial, agora queren darlle continuidade ao proxecto con novas colaboracións, para que non sexa algo esporádico, obxectivo ao que se pretende dar cumplimento co convenio suscrito onte co reitor da UDC, Julio Abalde.

Resultados
Este manifestouse na misma liña, poñendo en valor unha proposta educativa na que prestar servicios á sociedade forma parte do currículo e a adquisición de competencias por parte do alumnado, basadas estas en principios e valores a prol da igualdade, subliñou. “En Ferrol, esta metodoloxía está a ter moi bos resultados”, engadiu Abalde.

Cada curso, o Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa e a Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña abren unha convocatoria a todo o profesorado interesado en participar nesta acción de innovación educativa. Segundo os datos da propia OCV, máis de 1.600 alumnos e alumnas téñense beneficiado ata o momento dos proxectos, mentres que a cifra de docentes solicitantes dos mesmos sitúase nos 70.

Xunto a Gárate e Abalde estiveron presentes na firma do convenio de onte a vicerreitora local Araceli Torres; o director da Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) da UDC, José Jesús Cendán; a técnica desta oficina no campus de Ferrol, Vanessa Míguez; e a técnica de proxectos en ASCM, Teresa Romero.

Os programas desenvolvidos a través desta metodoloxía ApS enmárcanse en asignaturas propias de cada titulación e permiten aos estudantes prestar servizos á sociedade e aprender ao mesmo tempo. Están a favorecer así mesmo, tal e como onte salientou a Vanessa Míguez, que o alumnado se achegue ás respectivas entidades, coñecendo máis de preto as súas realidades, e remate facendo voluntariado. Trátase, en definitiva, de adquirir competencias poñendo en práctica unha forma de aprendizaxe moito máis enriquecedora e achegándose a outras realidades como ás das persoas con discapacidade.

Comentarios