viernes 19.07.2019

A cidade naval quenta motores para unha nova edición do coworking

Por cuarto ano consecutivo, os emprendedores ferroláns poderán gozar dalgunhas das ferramentas máis demandadas no mundo para poder poñer en marcha o proxecto dos seus soños

Sesión conxunta dos participantes | d. alexandre e j. meis
Sesión conxunta dos participantes | d. alexandre e j. meis

Dende o ano 2016 a Escuela de Organización Industrial (EOI) e a Xunta celebran por toda a comunidade galega a iniciativa de “coworking” empresarial. Este programa, innovador no noso territorio pero que nace dunha forma de entender os negocios moi extendida durante os últimos anos por todo o mundo, pon a disposición daqueles interesados unha serie de ferramentas para a expansión e mellora das súas compañías, que van máis alá das axudas económicas.

En Ferrol, durante os últimos meses, levouse a cabo a cuarta edición deste programa, chegando ao seu punto álxido esta semana coa presentación pública de todo o aprendido nun evento coñecido como “Demo Day” que, como en anos anteriores, xirou todas as miradas cara ás instalacións do Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño (CIS) da Cabana. 

Nesta ocasión, foron 22 os proxectos –de mans de 24 emprendedores– os que foron expostos por primeira vez ao gran público. 

En mans de expertos
Como xa se mencionou, o concepto deste programa baséase nun modelo de compañía ou servizo que se popularizou enormemente durante os últimos anos grazas á expansión de internet cara a todos os ámbitos sociais e a incorporación das redes sociais no día a día da cidadanía: as aceleradoras empresariais. 

O obxectivo destas entidades é impulsar a compañía do cliente mediante o establecemento dun plan de negocios e o uso de expertos para analizar e mellorar os diferentes aspectos da mesma, dende a súa posición nas redes sociais ata o establecemento dunha imaxe corporativa.

En resumidas contas, trátase de, como o seu nome indica, acelerar o crecemento dunha empresa aplicando multitud de facetas mercadotécnicas. 

Evidentemente, unha gran compañía non ten ningún problema á hora de enfrontarse a estes problemas, dado que o seu volumen de negocio e rango de actividade permítelle contratar a multitude de expertos para que estes focalicen a presenza do ente en cada un dos seus campos; mais as pequenas e medianas empresas non poden permitirse algo coma isto, tendo que contratar os servizos destas aceleradoras.

É precisamente neste punto onde o coworking de Ferrolterra mostra a súa fortaleza, ofrecendo na práctica estas mesmas vantaxes. Así, durante a primeira edición puxéronse en marcha nove proxectos que xeraron trece empregos; cinco na segunda con outros tantos postos de traballo; e 18 na terceira –catro deles que comezarán en breves– con 24 novas incorporacións laborais.

Axuda gratuíta
Unha das características máis importantes da iniciativa é o seu carácter gratuito. Aínda que pareza un detalle sen importancia, un dos principais inconvenientes aos que se enfrontan as pequenas e medianas empresas á hora de contratar unha aceleradora é a súa forma de facer negocios. Con estas compañías o usuario non paga un prezo fixo por un servizo, senón unha porcentaxe de beneficios, algo directamente inasumible para a maioría dos negocios. 

Se ben é certo que o feito de cobrar en función dos resultados outorga máis seguridade ao cliente, tamén é verdade que pode resultar insostible ou directamente pouco rendible para os negocios máis pequenos ou que conten cunha base demasiado recente como para declararse completamente asentadas.

Neste sentido, a gratuidade do programa resulta ideal para áreas en pleno redescubrimiento económico como é Ferrol. 

A cidade naval leva anos querendo diversificar a súa actividade máis alá do sector naval, o que dá por unha parte moito pé aos emprendedores para iniciar proxectos moito máis ousados, pero que á súa vez resultan demasiado arriscados pola preferencia cara a modelos máis tradicionais por parte da poboación. 

Deste xeito, contar cun programa capaz de asesorar dende múltiples  perspectivas sen ter que arriscar unha boa parte do seu propio capital facilita moito as cousas a estas compañías que buscan despegar pero que apenas comezaron a investigar o seu mercado.

O funcionamiento do programa é tan sinxelo coma efectivo: os emprendedores presentan un proxecto ás autoridades e, de ser considerado viable, son incluídos neste. 

Unha vez seleccionados os participantes na edición, realízanse unha serie de sesións de aprendizaxe conxuntas –dunhas sesenta horas en total– nas que os xerentes expoñen as súas propostas en conxunto e se lles ensinan conceptos básicos que irán utilizando durante o resto da súa experiencia. 
Deste modo, unha vez asentadas as bases, comeza a fase personalizada, o auténtico groso do programa.

Neste punto, os participantes manteñen unha serie de titorías con expertos –outras 40 horas– que ofrecen os seus consellos en base ás necesidades do negocio. Como posicionar a empresa no mercado, a creación dunha imaxe de marca, a busca dun cliente obxectivo e constante ou a presenza nas redes son algúns dos puntos cruciais tratados nesta fase. 

Unha vez feito isto, só queda elaborar un plan de negocio efectivo, que unha vez materializado será exposto ao final da experiencia no xa mencionado “Demo Day”. 

Este evento, por último, non somente resulta crucial á hora de desenvolver a confianza do emprendedor cando teña que mostrar dun modo eficiente as súas ideas senón tamén para establecer unha rede propia de contactos.

Comentarios